
O Servizo de Hematoloxía do Hospital Universitario de Ourense organiza este venres e o sábado, no Fogar dos Maiores de Allariz, a 19ª Reunión de Neoplasias Mieloides, un encontro científico que reúne especialistas de diferentes centros hospitalarios para compartir os últimos avances no diagnóstico e tratamento deste grupo de enfermidades hematolóxicas, entre as que se atopan as leucemias mieloides, as síndromes mielodisplásicas e as neoplasias mieloproliferativas.
A reunión, coordinada polo xefe do Servizo de Hematoloxía do hospital ourensán, José Luis Sastre Moral, afondará nas novas posibilidades terapéuticas que están transformando o tratamento destas enfermidades, especialmente grazas á identificación de alteracións xenéticas e ao desenvolvemento de medicamentos dirixidos a dianas moleculares específicas.
O programa contará coa participación de recoñecidos especialistas como David Valcárcel e Montse Rovira, de Barcelona; Carlos Jiménez Vicente, de Londres; Alberto Hernández, de Salamanca; Josefina Serrano, de Córdoba; e José Ángel Díaz Arias, de Santiago de Compostela, entre outros.
Entre os asuntos que se abordarán destacan os novos tratamentos para as síndromes mielodisplásicas, a utilización de inhibidores de menina e IDH1, as estratexias terapéuticas fronte ás alteracións do xene p53, o tratamento da mielofibrose e a importancia dos estudos moleculares para coñecer a evolución das leucemias e orientar as decisións clínicas.
Experiencia e participación do Hospital Universitario de Ourense
O Servizo de Hematoloxía de Ourense conta cunha ampla experiencia no tratamento das leucemias, especialmente en pacientes de idade avanzada, un perfil de especial relevancia polo envellecemento da poboación da provincia. Segundo os datos difundidos polo propio servizo en 2025, o hospital atende anualmente entre 10 e 20 novos casos de leucemia mieloide aguda.
Ademais, Ourense foi pioneira en España na administración domiciliaria de azacitidina subcutánea, unha iniciativa que permite reducir os desprazamentos ao hospital e mellorar a calidade de vida dos pacientes, coa participación fundamental do persoal de enfermaría.
A representación ourensá nesta edición inclúe tamén ao hematólogo Carlos Ulibarrena, que abordará o tratamento das síndromes mielodisplásicas de baixo risco, mentres que Lourdes Alfaya e Paula Sastre participarán na presentación e discusión de casos clínicos.
Precisamente, o intercambio de experiencias asistenciais e a análise de casos reais constitúen un dos piares desta reunión, que busca favorecer a formación continua dos profesionais e trasladar os avances da investigación á práctica clínica.
Despois de dezanove edicións, Allariz consolídase como un punto de encontro da hematoloxía galega, nun momento no que a medicina de precisión abre novas posibilidades para ofrecer tratamentos cada vez máis personalizados aos pacientes con neoplasias mieloides.