
Moi alta participación na cuarta edición do Val de Quiroga de Tapas, que vén de concluír. Once establecementos de Quiroga e Ribas de Sil participaron este ano no concurso gastronómico coas seguintes tapas: O Portón con “Bravas e a voar”; A Botica con “Tamal Enxebre”; Chapacuña 3 con “Brocheta ibérica sobre cama rústica”; Matrioshka con “Filloa rechea con salsa agridoce”; Quiper con “Delicia Caribeña”; a Adega de María con “Primavera”; o mesón Terriña Salvaxe con “Parchís”; A Cabina con “Cabinita”, Las Vegas con “Capricho do Pastor”; o Restaurante Praia Fluvial con “Bao de porco Bravo” e Mesón Luís con “Esferas de tradición”.
Ao remate desta ruta de pesticos, as corporacións de Quiroga e Ribas de Sil reuníanse novamente o 1 de abril para abrir as urnas nas que estaban depositados os tapacartóns cos votos aos establecementos participantes. Contaban tamén coa presenza da delegada na zona sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), Beatriz Vila. Abríanse as urnas para comprobar que os tapacartóns estivesen perfectamente selados e facer o reconto de votos, ademais de realizar o sorteo dos premios entre todos os participantes.
O nome do establecemento gañador darase a coñecer o vindeiro sábado ao remate do pregón da Feira do Viño, cando se lle fará entrega dunha placa conmemorativa e 100 € en metálico.

Os premios do sorteo entre todos os participantes foron 200 € e 100 € en metálico; dúas entradas para o descenso de Barrancos polo río Ferreiriño do programa Descubrir Quiroga; dúas entradas pra o descenso en piraguas por Augas Mestas do programa Descubrir Quiroga; seis paquetes para 2 persoas da ruta guiada polo Xeoparque Montañas do Courel con degustación dos “Sabores das nosas rochas”; unha ruta guiada en Segway para dúas persoas polos canóns do Sil con Enoturismo Galicia; un almorzo para dous na Confitería Panadería Moure de Monforte de Lemos; unha visita guiada en Bodega Val do Frade de Vilachá na Pobra do Brollón; unha cea para dúas persoas en Chapakuña 3; dous menús en Bar a Cabina de San Clodio; un vale de 50 €, no restaurante Praia Fluvial de San Clodio; unha estancia para dúas persoas con almorzo no Hotel-Restaurante Las Vegas de San Clodio; Unha comida para dous na Botica ou cestas con produtos típicos da zona: Aceiroga, Atrium Vitis, Casa de Outeiro, Caurelor, EDV 2015, Val de Quiroga e Lar de Ricobao.
Fotos: RTM Quiroga.