Cun total de 90 participantes nas categorías de 2ª, 3º e 4 masculina e 2º mixta, se celebraba a terceira edición do Torneo de Pádel das Festas do Cristo do Barco, nas pistas do Pádel Club Valdeorras, no polígono industrial da Raña.
Comezaba o luns 7 de setembro e remataba o venres 11 (a excepción da final mixta que se disputaba o sábado por dispoñibilidade horaria dos participantes) e dende o club valoran moi positivamente tanto a participación no torneo como a acollida do club que en novembro celebrará o torneo do cuarto aniversario.
“Temos moita xente e moitos equipos, de feito as pistas son a que son (catro) e non damos abasto para que poidan competir todos. Temos catro equipos competindo, un en categoría 1000 de series nacionais, outro en 500 e dous equipos en future, un masculino e outro feminino, que todos ascenderon de categoría este ano así que moi ben”, asegura Diego Vázquez, dende o club.
Con respecto aos resultados do torneo do Cristo, en 2ª masculina Manuel Rodríguez e Jonathan Fernández vencían na final a Adrián Delgado e Brais Prados. En 3ª masculina Eugenio Fernández e Aitor Muñoz vencían a Raúl Diéguez e Esteban Alonso; o premio de consolación era para Leonardo Álvarez e Juan Carlos López que vencían a Amancio Fernández e Rubén Lopez.
En 4ª masculina Amancio Fernández e Samuel Martín vencían na final a Darío González e Julián Fernández; o premio de consolación era para Pierre Ranault e Adrián Prada que vencían a Roberto Alegre e Miguel Rodríguez. E xa na 2ª mixta Selena Salso e Raúl Buelta gañaban na final a Ángel Delgado e Leticia Blanco; mentres que o premio de consolación era para Raquel Fernández e Unai Matallana que vencían a Alba Dosouto e Raúl Diéguez.
Fotos: Mónica G. Bellver e cedidas.