
Galiciencia, a maior feira científica da nosa comunidade, estase a desenvolver ata mañá venres no Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia- coa “Ciberseguridade” como temática principal. Celébrase en colaboración coa Consellería de Economía e Industria.
Na xornada de hoxe celebrouse a final do Desafío científico “Atrévete coa ciberseguridade!”, no que durante os últimos meses participou alumnado desde 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia de xeito online. Ao longo deste tempo propúxoselles explorar o mundo dixital para entender como funciona e así evitar posibles riscos. Tiveron que resolver enigmas, superar probas técnicas e tomar decisións clave para poder avanzar nos diferentes retos desta competición.
Sumáronse a esta aventura un total de 338 equipos, integrados por 873 rapaces e rapazas de 63 centros educativos diferentes. Os que conseguiron pasar os tres retos da fase online competiron esta mañá nunha final presencial. Os equipos finalistas embarcáronse nunha misión moi particular: facer fronte a unha plataforma infectada. O primeiro paso foi poder abrir unha caixa forte, que contiña unhas tarxetas que lles daban acceso aos ordenadores. Para conseguir liberar o dispositivo afectado, tiveron que pasar unha serie de desafíos: descifrar claves, recuperar arquivos… ata lograr neutralizar o ataque.
O gañador na categoría de Primaria foi o equipo “Os Ciberguardias”, formado por Bernal Vilela e Xabier Villar, do CEIP Bibei de Viana do Bolo (Ourense). Na categoría de primeiro a terceiro de Secundaria gañou o equipo “VortexVirtual”, integrado por Amelia Vázquez, Leire Sampedro e Alicia Ferreira, do Colexio Eduardo Pondal de Cangas (Pontevedra). E na categoría de cuarto de Secundaria a Bacharelato os vencedores foron “Tecnológicos”, do que forman parte Iker Gómez, Iago Vidal e Alba Moimenta, do IES García Barros da Estrada (Pontevedra).
Talleres para aprender a identificar riscos en internet e nas redes sociais
Entre as actividades que se están a desenvolver no marco da feira, o alumnado de Secundaria, Bacharelato e FP está a participar en varios talleres vencellados coa ciberseguridade. A través destas experiencias, búscase que a rapazada sexa consciente de que non son precisos grandes coñecementos técnicos nin contido sofisticado xerado por Intelixencia Artificial para que nos enganen, para que rouben os nosos datos ou suplanten a nosa identidade. Así, aprenderon a identificar riscos en internet e nas redes sociais, a protexer a súa privacidade dixital e a recoñecer a desinformación e as noticias falsas.

Os participantes nestes obradoiros aprenderon ademais que o noso cerebro é vulnerable á tecnoloxía, a cal que evoluciona con gran rapidez, ata o punto de que dispositivos de decodificación avanzada conseguen hackear a intimidade do pensamento humano.
No espectáculo de ciencia amosouse como calquera persoa pode ser vítima dun ciberataque, independentemente do seu nivel de coñecemento tecnolóxico
Esta mañá celebrouse un novo espectáculo científico, que os centros educativos galegos puideron seguir tamén en liña. O propósito desta experiencia é que os máis novos descubran que a ciencia pode ser atractiva e divertida para todos. Baixo o título “Síntome seguro”, transmitiuse como vivimos cunha falsa sensación de seguridade: pensamos que o mundo dixital é só unha extensión cómoda da vida diaria, cando en realidade está cheo de riscos invisibles que adoitan pasar desapercibidos. Neste espectáculo amosouse como funcionan as ameazas máis habituais. Ademais, deixouse patente que calquera persoa pode verse afectada, independentemente do seu nivel de coñecemento tecnolóxico. A finalidade deste show científico é fomentar unha actitude crítica e responsable, poñendo en valor a prudencia, a reflexión e os bos hábitos de uso nas contornas dixitais cotiás.
Mañá venres remata Galiciencia coa entrega de premios aos mellores proxectos.