
Os vindeiros 23 e 24 de maio, O Barco participará na IX Mostra Musical do Eixo Atlántico, un encontro consolidado como referencia na promoción do talento musical novo da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. Ata Vilalba se desprazarán os membros do Grupo de Sopros, Cuarteto de Saxofón e piano, do Conservatorio Profesional e Escola de Música do Barco, segundo informa o Concello. En concreto o cuarteto de saxofóns está formado por Carmen (saxofón alto), Iria Bárbara (saxofón tenor) Martín (clarinete) Aarón (saxofón barítono).
O evento reunirá máis de 100 nenas e nenos músicos procedentes de escolas de música e conservatorios dos municipios e entidades membros do Eixo Atlántico, nunha iniciativa que destaca a formación musical e promove a convivencia e o intercambio cultural a través da música.
O certame desenvolverase entre o Conservatorio Profesional de Música de Vilalba e o Auditorio Municipal Carmen Estévez. Está dirixido a solistas de ata 18 anos e a agrupacións formadas por integrantes de ata 25 anos, e estrutúrase en dúas fases:
– O sábado 23 de maio, desenvolverase a fase previa de selección, de 9:30 a 13:30 h. e de 16:00 a 19:00 h.
– O domingo día 24 de maio, terá lugar a fase final de 9:00 a 13:30 h. Tamén se levará a cabo a cerimonia de clausura e entrega de premios: de 16:00 a 17:15 h.
O sábado, o xurado seleccionará 12 finalistas, que na mañá do domingo volverán realizar as probas nas que se decidirán as persoas gañadoras, que recibirán unha escultura do Eixo Atlántico e unha dotación económica entre 400 e 2.500 euros.
Un evento aberto á cidadanía
A Mostra Musical do Eixo Atlántico é completamente aberta ao público, polo que a cidadanía está convidada a asistir e gozar das interpretacións dos mozos músicos ao longo de toda a fin de semana, nunha oportunidade única para coñecer de preto o talento musical máis novo da Eurorrexión.
Homenaxe a António Saiote
En todas as edicións da Mostra Musical, o Eixo Atlántico rende homenaxe a músicos de recoñecido mérito no ámbito da música clásica ou do jazz. Nesta edición, na gala de clausura do domingo pola tarde, o Eixo Atlántico renderá homenaxe a António Saiote, un dos máis importantes clarinetistas portugueses, en recoñecemento á súa traxectoria artística e ao seu papel fundamental na formación de novas xeracións de
intérpretes.
Desenvolveu unha intensa carreira como solista, director e docente, é unha figura clave na construción da “escola portuguesa de clarinete”, un dos maiores divulgadores da música portuguesa e unha das figuras máis influentes da música culta na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal.
Foto e vídeo cedidos.