ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVilamartín

Alumnado e docentes dun IES de Torrelaguna (Madrid) plantan árbores en zonas queimadas de Vilamartín, coa veciñanza

Participaban nesta semana nun campo de voluntariado promovido polo Proxecto Ríos de Adega que se desenvolvía en San Vicente de Leira e noutros puntos do concello

 

Coas graves feridas que os devastadores incendios do pasado verán deixaban na paisaxe e na veciñanza de Vilamartín de Valdeorras atopábanse os  29 alumnos e alumnas de 4º da ESO e de FP Básica en Aproveitamentos Forestais do IES Alto Jarama, de Torrelaguna (Madrid), que acompañados por 4 docentes, participaban ao longo de catro días (do 7 ao 10 de abril) no campo de voluntariado para a recuperación de zonas afectadas polos lumes neste municipio, promovido polo Proxecto Ríos de Adega.

O grupo chegaba na tarde do 7 de abril, onde era recibido polo educador ambiental de Adega, Ramsés Pérez, e polo alcalde vilamartinés, Enrique Álvarez, que lles explicaban a situación vivida en agosto do 2025 no municipio, no que ardía practicamente a totalidade da súa superficie forestal e as chamas destruían aldeas como San Vicente de Leira; ademais das consecuencias da mesma, que seguen moi vivas tanto na contorna como no sentimento da veciñanza.

 

 

Na xornada do 8 de abril comezaba a actividade dos estudantes e docentes sobre o terreo. Co obxectivo de avanzar na recuperación dos hábitats de ribeira e doutras zonas afectadas polo lume. O grupo achegábase a zona de San Vicente de Leira, onde era recibidos pola veciñanza e se realizaba unha plantación de árbores froiteiras de aproximadamente 1,5 metros de altura, en colaboración coa xente da aldea.

Ao día seguinte, as tarefas continuaban na zona de captación de augas e nos regatos da conca do río Leira, e facíase unha plantación de especies autóctonas de ribeira (salgueiros, ameneiros, freixos, entre outras) co obxectivo de favorecer a conservación hídrica destes pequenos cursos de auga. Ademais, realizabánse actividades complementarias como a inspección do río Leira.

 

 

Dende Adega facíase un balance moi positivo do campo e incidíase na acollida da veciñanza. “Un dos veciños propuxo que cada unha das árbores que agora lle devolven a vida ao monte leve o nome do rapaz ou rapaza que a plantou. Están convidades, dixo, a volver cando queiran para probar os froitos do seu traballo e solidariedade. Actividades coma esta son bo exemplo de que os lugares tamén podemos gozalos facendo traballos de conservación”.

 

 

Este campo de voluntariado contaba co apoio do Concello de Vilamartín de Valdeorras, que cedía o albergue para o voluntariado e colaboraba nas plantacións. Ademais, estaba financiado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CH-MS) e pola Secretaría de Estado de Medio Ambiente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Dende Adega agradecíase este apoio e tamén “a todo o alumnado do IES Alto Jarama pola súa sensibilidade e traballo, e á veciñanza pola súa xenerosidade”.

Fotos: Adega.

 

Back to top button