Xa está no albergue de Vilamartín de Valdeorras o grupo de 29 alumnos e alumnas (de entre 15 e 17 anos) de 4º da ESO e de FP Básica en Aproveitamentos Forestais do IES Alto Jarama, de Torrelaguna (Madrid), e acompañados por 4 docentes para participar nun campo de voluntariado ambiental nas zonas queimadas polos lumes do pasado verán. Eran recibidos polo alcalde vilamartinés, Enrique Álvarez, e por Ramsés Pérez, educador ambiental de Adega.
Pérez realizaba unha pequena presentación explicándolles o acontecido na comarca en agosto do 2025 e tamén detallaba como van ser as accións a desenvolver do 8 ao 10 de abril nos montes deste municipio. Pola súa banda, o rexedor dáballes a benvida e tamén comentaba as consecuencias dos graves lumes vividos no concello, tanto a nivel socioeconómico e paisaxístico como anímico para a veciñanza.
Preguntado polo como era a vida antes e despois do incendio, Álvarez Barreiro poñía como exemplo o caso de San Vicente de Leira, onde ardía o 90% da localidade (unhas 120 casas e 90 inmobles,entre eles palleiras e adegas)e que como, pese a iso, os 25 veciños que residían ante do incendio están tratando de volver a residir nel. “Ademais a aldea tiña un entorno verde, de castiñeiros varias veces centenarios e esa imaxe desapareceu por completo. A veciñanza está bastante afectada porque non recoñece esa paisaxe actual”.
Lembraba así mesmo como co lume desaparecía o 100% da masa forestal do municipio, “todos os nosos montes están negros” e como, curiosamente, aquelas zonas con arboreda e vexetación autóctona (como freixo, rebolo e castiñeiro) están comezando a rebrotar, mentres que as zonas de piñeiros e doutro tipo de especies plantadas están completamente calcinadas, “seguen sendo unha antorcha”.
A partir de mañá mércores comezarán coas actividades, que teñen como obxectivo “continuar os labores de restuaración ambiental desenvolvidos polo voluntariado de ADEGA durante o pasado mes de outubro, e que consistiron no espallado de palla e na creación de faxinas e albarradas para o control da erosión e o freo de escorrentas”, segundo Adega, promotora da iniciativa, co apoio do Concello de Vilamartín.

“Nesta nova fase preténdese avanzar na recuperación dos hábitats de ribeira e doutras zonas afectadas. Na xornada do mércores traballarase na zona de San Vicente de Leira, onde se realizará unha plantación de árbores froiteiras de aproximadamente 1,5 metros de altura, en colaboración coa veciñanza da aldea afectada polo lume”, segundo avanza Adega.
Xa para o xoves, as tarefas desenvolveranse na zona de captación de augas e nos regatos da conca do río Leira. Levarase a cabo a plantación de especies autóctonas de ribeira (salgueiros, ameneiros, freixos, entre outras) co obxectivo de favorecer a conservación hídrica destes pequenos cursos de auga. Ademais, realizaranse actividades complementarias como a inspección do río Leira e a instalación de caixas-refuxio para morcegos e aves.

Este campo de voluntariado conta co apoio do Concello de Vilamartín de Valdeorras, que cederá o albergue para o voluntariado e colaborará nas plantacións. Ademais, está financiado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CH-MS) e pola Secretaría de Estado de Medio Ambiente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.