EconomíaEconomíaPizarraÚltima hora

Alumnado e profesorado da Escola T.S. de Arquitectura da Coruña visitan o sector da lousa

Nesta viaxe coñecían o proceso de extracción e elaboración desta pedra natural, así como as súas posibilidades de uso como material construtivo

 

Ata o sector valdeorrés da lousa viaxaban neste venres 14 de novembro un total de 47 alumnos, acompañados por 4 profesores da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, ETSAC. Visitaban esta mañá unha visita a unha nave de elaboración de lousa e unha canteira a ceo aberto, a Oportuna de Pizarras Vazafer, tras ser recibidos nas dependencias do Clúster da Pizarra de Galicia, situadas en Sobradelo, Carballeda de Valdeorras.

Isto permitíalles aos estudantes de segundo, terceiro e cuarto curso, e do Máster Universitario en Arquitectura, coñecer de primeira man este material construtivo, desde o inicio ata o final do seu proceso produtivo, e achegarse así ás posibilidades que ofrece esta pedra natural na construción de edificacións, tanto para fachadas como para cubertas.

Na liña de accións conxuntas que o Clúster da Pizarra de Galicia vén realizando coa Escola Técnica Superior de Arquitectura, ETSAC, e a Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña, EUATAC, a visita realizada esta mañá, complementa a exposición “Mostrando a pizarra” que estivo presente en ambos os centros educativos durante os meses de setembro e outubro.

Dentro deste proxecto, tamén se inclúen xornadas técnicas, como a desenvolvida o pasado mes de setembro na Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña, sobre a lousa na construción. Proximamente, esta iniciativa repetirase, pero esta vez para os estudantes da ETSAC

Os futuros arquitectos viviron unha experiencia que resultou ser “moi proveitosa” e na que eran testemuñas “da alta porcentaxe de traballo artesanal” que se realiza na nave e “da enorme variedade de formatos que se lle poden dar á lousa”. Ademais, resolvían as súas dúbidas expostas in situ, e descubrían “a alta porcentaxe de emprego feminino que posúe este sector industrial”, segundo o Clúster.

 

 

 

Ferramentas do plan de promoción

Exposicións, visitas especializadas e xornadas técnicas son ferramentas contempladas no Plan de Promoción do Clúster da Pizarra de Galicia, tendo en conta que o colectivo de arquitectos e arquitectos técnicos, é un dos prescritores de material de construción máis importantes do sector.

As mostras e as conferencias constitúen un instrumento “para tratar de conseguir un maior coñecemento sobre a lousa por parte dos alumnos, que se complementa coa experiencia in situ, para saber de onde vén e como se extrae o produto en orixe, o que lles axudará a apreciar o seu valor”, asegura o Clúster.

Back to top button