
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, vén de visitar unha das accións da Escola Galega de Consumo -dependente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, dentro da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración- que se celebra no IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras no marco do programa Infonadal 2025. En concreto, un grupo de mozos e mozas de Formación Profesional trataron temas como o consumo responsable e os dereitos básicos das persoas consumidoras.
O programa Infonadal conta con actividades para todas as idades, incluídos xogos para aprender dunha maneira lúdica distintos aspectos relacionados co consumo responsable a través da posta en valor da etiquetaxe ou dos mecanismos de control da seguridade de produtos como os xoguetes.
Estas accións encádranse no labor de impulso, apoio e asesoramento que leva a cabo a Escola Galega de Consumo a través de accións de educación e formación como cursos, obradoiros, conferencias, publicacións e estudos. Nese senso, cómpre destacar que este organismo forma unhas 20.000 persoas de todas as idades cada ano, con preto de 700 actuacións.