EconomíaEconomíaÚltima hora

Amplíase ata o 15 de xuño o prazo para que agricultores e gandeiros soliciten axudas da PAC

Así se recolle nunha orde da Consellería do Medio Rural publicada neste martes no DOG

Foto: Carlos G. Hervella.

 

O prazo para que os agricultores e gandeiros galegos poidan solicitar as axudas da PAC vén de ampliarse ata o  15 de xuño. Así se recolle nunha orde da Consellería do Medio Rural que vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) deste 5 de maio. “A orde modifica a emitida o pasado 12 de febreiro co obxectivo de dar resposta ás restricións levadas a cabo por mor do coronavirus, que impediron que moitos interesados se puidesen achegar aos bancos ou ás entidades de aconsellamento que colaboran coa administración para a tramitación destas achegas”, segundo a Xunta de Galicia.

Así, as solicitudes únicas destas axudas se poderán presentar de xeito telemático ata o 15 de xuño. Mentres, finalizará o día 30 do mes que vén tanto o prazo de modificación das solicitudes únicas como o prazo de presentación das solicitudes de alegación do SIXPAC e das comunicacións da cesión de dereitos de pagamento básico.

O orzamento previsto para esta convocatoria se eleva aos 216 millóns de euros, dos cales 170 millóns corresponden aos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e ás axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema Integrado de Xestión e Control, as coñecidas como axudas da PAC. Os outros máis de 46 millóns de euros irán dirixidos ás medidas de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas), segundo Medio Rural.

Prevese que uns 27.000 agricultores e gandeiros soliciten estas achegas, que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria e que son de gran interese para o sector primario. Grazas a estas axudas europeas “conséguense reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana, á vez que se potencia os agricultores realmente activos e prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente”, lembra a consellería

A orde publicada no DOG pode consultarse no seguinte enlace:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200505/AnuncioG0426-040520-0001_gl.html

Artigos relacionados

Back to top button