
Ana Belén Fernández Valado asume a presidencia da Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos de Ourense (AEPA Ourense), dando continuidade ao proxecto da entidade tras exercer a vicepresidencia. A transición prodúcese tras a etapa liderada por David Martínez Alonso, a quen a asociación recoñece o traballo desenvolvido á fronte da organización.
Con esta nova etapa, AEPA Ourense reforza o seu compromiso co fortalecemento do traballo autónomo, a representación activa do colectivo profesional e a xeración de espazos de diálogo coas administracións e os axentes económicos do territorio.
A nova presidenta inicia esta etapa co obxectivo de consolidar o traballo desenvolvido nos últimos anos e continuar fortalecendo a interlocución institucional, a formación especializada e o acompañamento a profesionais e persoas autónomas nun contexto económico en constante transformación.
Entre as principais liñas de actuación destacan o reforzo do apoio ao autoemprego, a actualización normativa, o impulso da dixitalización con enfoque práctico e a mellora da competitividade dos pequenos negocios, así como a defensa dos intereses do colectivo #ante os retos actuais en materia fiscal, laboral e de Seguridade Social.
Desde AEPA Ourense destácase a importancia de continuar traballando de forma coordinada coas entidades empresariais, as institucións públicas e o tecido produtivo provincial, co fin de contribuír ao desenvolvemento económico e social de Ourense.
Neste novo mandato, Ana Belén Fernández Valado sinala que, nunha provincia como Ourense, onde o traballo autónomo constitúe un piar estrutural do modelo económico, o papel da asociación vai máis aló da mera representación sectorial.
“AEPA Ourense debe ser non só un espazo de representación, senón unha ferramenta estratéxica ao servizo do territorio, desde a que o colectivo autónomo e profesional fortaleza a súa estrutura, mellore o seu posicionamento e consolide a base económica e produtiva de Ourense”, afirma Ana Valado.