
A xestora da agrupación local do Partido Popular de Celanova vén de acordar propoñer a Ana Fernández Antorrena (Celanova, 1982) como candidata á alcaldía nas eleccións de maio de 2027, decisión que asumiu como “unha responsabilidade moi grande, pero que afronto con moita ilusión e sobre todo con moitas ganas de traballar e ver de novo a Celanova que nos merecemos”.
Agradecida pola designación, Ana Fernández, que tamén asumirá a presidencia da xestora local, afirmou que o máis importante para ela será o equipo. “Serei a cara visible, pero sen toda a xente que vai estar comigo non me atrevería a dar este paso”. Neste sentido avanzou que contará con persoas que “xa saben o que é moverse na política local, pero tamén con caras novas”. Entre as súas ideas máis inmediatas figura crear grupos de traballo para empezar a perfilar o programa electoral, sinalando que “conto con xente de diferentes ámbitos que dominan moi ben, moi implicados todos eles no día a día de Celanova, xente que nos pode achegar moito”.
Antorrena apunta a limpeza no centro urbano, seguridade cidadá, mellores conexións coas zonas rurais, ou o estado das vías municipais ou o impulso ao parque empresarial como cuestións “urxentes para revitalizar o concello”, alén da redacción dunha novo PXOM, “que permita redeseñar e ampliar as áreas comerciais de Celanova para atraer novas empresas e fomentar a creación de emprego, e poñer ao dispor da Xunta de Galicia solo público para vivendas de protección oficial.

A candidata do PP concluíu sinalando que a veciñanza de Celanova “coñece o meu traballo, proximidade e ideas claras, ademais de dispoñibilidade, e ganas de traballar non van faltar nunca”. Calquera meta é posible, afirmou, “e o meu obxectivo é claro: quero que a xente sinta orgullosa de ser de Celanova”.
Pola súa banda, o presidente da xestora, Javier Caldas, puxo en valor o feito de que Ana Fernández sexa a primeira muller que aspira a ocupar a alcaldía de Celanova, destacando que a presenza feminina nestes postos é un compromiso do presidente provincial, Luis Menor.
Valorou ademais a experiencia da candidata na política municipal, destacando que “sabe o que é empezar desde abaixo, a dedicación e o esforzo que require a representación veciñal”, agradecendo tamén á dirección provincial a clara aposta que fai por unha persoa que está “orgullosa de ser, vivir e traballar en Celanova”.