
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, advertiu no Parlamento Europeo sobre a “supervivencia de cen concellos galegos” que sofren unha grave sangría poboacional. Esta chamada de atención, realizada no marco das conferencias ‘Agricultura e Políticas de Cohesión Territorial: Dereito a Ficar na terra, Vivenda, Transporte e Servizos Públicos’, vén da man de propostas do Bloque como adicar especificamente o 10% dos fondos europeos FEDER a atallar o despoboamento rural.
“O problema do despoboamento no medio rural afecta á supervivencia dun cento de de concellos en Galiza, onde a perda de poboación é crítica. E isto ten tamén unha grave derivada económico porque afecta negativamente produtividade e viabilidade de ducias de explotacións gandeiras e labregas”, advirte Ana Miranda.
100 concellos de Galicia, principalmente das provincias de Lugo e Ourense, dicía, están en risco de supervivencia pola perda substancial de poboación, segundo datos do Tribunal de Contas. Son un terzo dos concellos galegos, onde os seus residentes sofren problemas para acceder os servizos públicos. Dende finais do século pasado un 77% dos concellos galegos perderon poboación.
A eurodeputada Ana Miranda advirte sobre “a situación crítica que viven estes municipios, as súas contornas, vilas e aldeas”, o que tamén levou á deputada do BNG no Parlamento de Galicia, Ariadna Fernández Fernández, a falar “xa non de fondos de desenvolvemento rural senón de fondos de rescate rural”. Pola súa banda, o alcalde de Verea, Xosé Antonio Pérez Valado, destacou no Parlamento Europeo que o seu concello logo de anos de sangría poboacional “por primeira vez volve superar os mil habitantes” grazas a políticas de vivenda pública e accesible, en favor da mobilidade das persoas maiores ou sobre restauración e xestión dos terreos que conforman o municipio.

O BNG apoia a proposta do Parlamento Europeo para adicar o 10% dos fondos FEDER de desenvolvemento rural nos vindeiros orzamentos da UE a partidas específicas contra o despoboamento. A eurodeputada Ana Miranda lamenta que “na actualidade o 60% dos fondos FEDER están desaproveitados e non atenden as prioridades de servizos públicos, de saneamento, de vivenda ou renovación e transición enerxética”.
Durante a visita a Bruxelas dunha delegación do Bloque para participar nas Conferencias sobre o Dereito a Vivir e Ficar no medio rural, na que tamén viaxou a alcaldesa de Samos, María Jesús López; o de San Sadurniño, Secundino García Casal; os deputados no Parlamento de Galicia, Nino Fernández Fernández e Sonia Vidal Lamas, ademais do deputado Secundino Fernández; e concelleiras e concelleiros das comarcas da Costa da Morte, de Bergantiños, do Deza, de O Condado-Paradanta ou a Terra Chá, Ana Miranda adiantou outra proposta para as políticas contra o despoboamento rural.
“Queremos trasladarlle á Comisión Europea que Galiza teñen que introducir para os fondos comunitarios criterios territorializados para as zonas que perden poboación”, explica a eurodeputada do BNG. Territorios como Galiza deberían contar cun plan territorial para os servizos públicos con delimitacións claras para as zonas afectadas polo despoboamento.
A delegación galega mantivo un encontro de alto nivel co Director Xeral da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, Ricard Ramon, no que lle trasladou demandas do sector agrogandeiro de Galiza sobre as negociacións e o futuro orzamento da Política Agraria Común (PAC).