Entre o 10 e o 12 de abril a cidade de Ourense acolle o 578º Curso ATLS de Atención Inicial ao enfermo politraumatizado (Advanced Trauma Life Support), organizado por el Colegio Americano de Cirurxáns e impartido por instructores acreditados do Hospital Universitario de Ourense dos servizos de Urxencias, cirurxía xeral, neurocirurxía e Anestesioloxía. Estase a impartir Xefatura Territorial de Sanidade.
“Está dedicado á atención inicial do paciente politraumatizado, que unha causa principal de morte nos accidentes de tráfico. En Ourense abriuse esta formación no 2009 e cada ano damos dous cursos, que van dirixidos a médicos que atenden a este tipo de pacientes politraumatizados, en xeral son anestesistas, cirurxiáns, médicos da atención hospitalaria e médicos de urxencias, pero pode acudir a estes cursos calquera tipo de médico”, explica a doutora Ana Pastor Zapata, neurocirurxiá e xefa de Servizo de Neucirurxía do Hospital Universitario de Ourense, que é unha das catro instrutoras desta formación, xunto a Pilar Garzón Guiteria, médica de Urxencias do CHUO; Conchi Alonso González e Leticia Gómez Viana, ambas anestesiólogas do CHUO.
A formación é clave á hora de diminuír a mortalidade e a morbilidade no paciente politraumatizados, tal e como sinala a doutora Ana Pastor. “En España hai uns 20 anos morrían ao ano 9.000 pacientes deste tipo e agora, con todos estes cursos e formación dos médicos que os atenden, baixou a 1.000 falecidos ao ano”.
Así os asistentes a estes cursos aprenden “a diagnosticar e tratar de maneira inmediata o que mata aos pacientes. A formación divídese en dúas fases, por unha banda, está a atención inicial, na cal debemos diagnosticar e tratar o que mata ao paciente de maneira inmediata como unha obstrución da vía aérea, un neumotórax a tensión, un neumotórax masivo ou un traumatismo craneoencefálico severo… Aínda que a causa máis frecuente de morte nestes pacientes son os shocks hipovolémicos ou hemorráxicos debido a unha hemorraxia ou externa ou interna, entón estes alumnos veñen a formarse en reanimación rápida deses pacientes para que diminúa a mortalidade”, continúa a doutora Pastor.
Este curso de 16 prazas (destinado a médicos residentes e especialistas con titulación en Cirurxía Xeral e Aparato Dixestivo e cirurxiáns torácicos) amosa a importancia que teñen a avaliación e o tratamento a este tipo de pacientes, comezando no mesmo momento no que se produce o accidente e continuando durante a avaliación inicial, a reanimación, a reavaliación, a estabilización e o traslado cando sexa necesario a un centro de trauma.
A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco é referente neste tipo de formación a nivel estatal. “Este curso ATLS en moitos países do mundo, de Europa, Norteamérica e Sudamérica é obrigatorio telo para poder traballar nos sistemas públicos de saúde, entón para Ourense é importante porque somos un dos 19 hospitais da rede pública española que conta con esta clase de formación para os médicos. Ourense é referente no norte de España, xunto coa Coruña, para a formación destes médicos”, resalta Ana Pastor, engandindo ademais que, “para nós como instrutores, a docencia, o feito de formar médicos para mellorar a atención ao paciente resulta moi importante e, ao mesmo tempo, permítenos ir a outros hospitais para ver como funcionan”.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeo cedido (o das declaracións da doutora Pastor) e o resto de Carlos G. Hervella.