A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asistía hoxe á XVII Festa do Codillo na Rúa onde falou do “abandono máis absoluto”, no que a Xunta ten a Valdeorras tras ter sufrido a peor vaga de lumes da súa historia.
Acompañada da alcaldesa da Rúa, María G. Albert e de representantes e militantes do BNG no municipio e na comarca, a líder do BNG denunciou explicou que “seis meses despois a situación segue a ser desoladora” porque, cunha paisaxe tinguida de negro, “non están facendo nada para a recuperación do monte, do terreo calcinado”.
En pleno inverno, soportando as intensas choivas que arrastran as cinzas da terra queimada e continúan contaminando, “o Goberno de Rueda segue de brazos cruzados e ten a esta comarca no abandono máis absoluto”, criticou, sinalando este como outro dos exemplos de “como defende o PP o rural”. Un abandono que se reflexa tamén no desmantelamento da sanidade pública. “Hai nenos e nenas sen pediatras, centros de saúde nos que hai listas de espera e un hospital que converteron en pouco máis que un centro de especialidades”, denunciou.

Unha situación que se dá en todo o País e que obedece, reprobou, a unha “estratexia deliberada de recortar na sanidade pública a favor da sanidade privada”. “Non é só incompetencia do PP, é ideoloxía”, advertiu tras denunciar o recorte de 1.650 millóns de euros que perpetrou o PP no sistema público nestes últimos anos mentres aumenta os recursos que deriva á privada, até acadar só este ano a “cifra récord” de 341 M€. É por iso que a líder do BNG fixo unha chamada a participar masivamente na manifestación que terá lugar mañá domingo en Santiago para defender a sanidade pública e para esixirlle ao Goberno de Rueda que rectifique as súas políticas de “recortes e privatizacións” que está detrás do deterioro do sistema público. Un PP ao que tamén criticou polo seu apoio ao acordo de Mercosur, moi prexudicial para os sector agrogandeiro galego.
Fronte á xestión do PP, Pontón contrapuxo o modelo de goberno do BNG na Rúa onde, da man de María Albert, “trabállase a favor da veciñanza, para mellorar a vida das persoas coa protección social e a mellora dos servizos públicos como prioridade”. Destacou, neste sentido, os programas para facilitar a conciliación familiar e as melloras nas infraestruturas e equipamentos neste eido, así como a xestión da auga que está a facer o goberno nacionalista para garantir o abastecemento e a depuración a través coa construción dunha nova ETAP (estación de tratamento de auga potable).
“Parabéns a alcaldesa e a todo o seu equipo, que están demostrando que o BNG ten un modelo de goberno municipal de calidade, capaz de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas, que para iso debe servir a política para dar solucións aos problemas reais da xente”, manifestou antes de asistir ao xantar.
Fotos: Carlos G. Hervella.