PolíticaÚltima horaVídeos

Ana Pontón: “Pediremos no Parlamento galego que o PP cubra as prazas de pediatría en Valdeorras”

A voceira nacional do BNG reuníase esta mañá co colectivo de nais e pais que, dende hai meses, piden unha solución para a falta destes especialistas no Centro de Saúde do Barco

 

Ata Valdeorras desprazábase esta mañá a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Primeiro reuníase no Barco con representantes do colectivo de nais e pais que dende hai meses reivindica que se cubran as prazas de pediatría en atención primaria no Centro de Saúde do Barco. “Eu son nai dunha nena de 4 anos e sei perfectamente canto de importante é ter un bo servizo de pediatría que coñeza cal é a situación do teu fillo ou da túa filla, que faga seguimento e que polo tanto ,teñas esa tran quilidade de que nunha situación de enfermidade ou ante calquera complicación vas ter a mellor atención que se necesita”, dicía ante os medios de comunicación tras a xuntanza.

Pontón, que estaba acompañada polo deputado galego do BNG Secundino Fernández, así como por concelleiros nacionalistas do Barco e pola alcaldesa da Rúa; explicaba que, “neste país, e concretamente nesta comarca, vemos como o PP leva anos desmantelando os servizos públicos de atención primaria e isto ten consecuencias moi graves, temos neste país a máis de 11.000 nenos e nenas sen pediatra asignado e temos unha comarca como é a de Valdeorras que está nunha situación moi deficitaria”.

Neste senso, Ana Pontón felicitaba “a esas nais e pais que están durante estes últimos tempos reclamando e demandando ter un servizo de atención pediátrica de primeira cos recursos necesarios”, porén, “a situación que temos hoxe dista de ser aceptable”.

 

 

 

A líder do BNG abundaba en que “non só no concello do Barco, senón no conxunto da comarca, hai 2.600 nenos e nenas que na súa inmensa maioría acaban tendo que vir a este centro de atención primaria, no que en teoría debería haber tres prazas de pediatría. Porén, neste momento, hai un único pediatra que xa ten comunicado á dirección do Sergas que a finais de outubro finaliza a súa vida laboral e, polo tanto, pode darse unha situación na que, non só O Barco, senón todos os concellos da comarca, teñan que ver como os seus fillos non teñen pediatra e non se pode permitir”.

Por iso, engadía Ana Pontón, “dende o BNG o que lle demandamos ao goberno do PP, e así o levaremos ao Parlamento de Galiza, é que busque unha solución para garantizar que se van cubrir as prazas de pediatría que se necesitan porque non pode ser que haxa nenos e nenas de primeira e nenos e nenas de segunda. E o que non podemos permitir é ver como aos nenos do rural se lle está discriminando”.

A líder do BNG tamén lle pedía ao goberno do PP que “deixe de ser un goberno insensible e irrespectuoso coa xente que vive en zonas como Valdeorras e que atenda este problema, que busque unha solución, porque quen ten que cubrir as prazas de pediatría é o goberno e quen ten que garantir que cando se xubila un pediatra vai haber alguén que o substitúa é a Xunta de Galiza, polo tanto, menos botar balóns fóra e máis actuar”.

 

 

Canon de Sogama

Finalmente, Ana Pontón aludía ao anuncio “tramposo” feito polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, con relación ao canon de Sogama no Parlamento galego. “En realidade non vai retirar a suba do canon de Sogama, senón que vai facer que os concellos e a cidadanía teña que pagar ese sobrecusto. Nós o que lle pedimos é se que deixen de parches e de anuncios tramposos e que retiren esa proposta suba abusiva, porque quen a vai pagar son os veciños, que creo que xa están nunha situación límite polo incremento da vida, e que se abra un debate no tema do tratamento do lixo, que sexa un sistema respectuoso, que cumpra coa normativa ambiental e que aposte pola reciclaxe. O único anuncio que vale é a retirada desa suba do canon de Sogama e, ao mesmo tempo, poñer en marcha un novo modelo que supere e deixe atrás este modelo que está absolutamente fracasado e que é moi caro”.

Tras facer estas declaracións, Ana Pontón, desprazábase ata A Rúa, onde mantiña un encontro coa súa alcaldesa, a nacionalista María G. Albert, e visitaba as instalacións da empresa Autoneum e o novo albergue municipal de peregrinos.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button