Ata a vila de Viana do Bolo desprazábase neste 4 de setembro a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, acompañada por diversos cargos desta formación política. Alí visitaba a Casa Consistorial, onde era recibida pola nova alcaldesa municipal, a nacionalista Graciela Diéguez, quen lle comentaba os diversos proxectos que ten previsto impulsar “neste tempo e comentándolle algún dos problemas que temos e que estamos intentando arranxar”.
Tras a reunión, Ana Pontón facía declaracións aos medios de comunicación, sinalando que esta visita a Viana coincide cun “cun momento emocionante e importante para este concello xa ten unha alcaldesa, de novo unha alcaldía do BNG, que o fai con toda a ilusión. Graciela é unha persoa que conta coa experiencia necesaria de goberno, con coñecemento e coas ideas para facer avanzar Viana nun momento que é decisivo. Ten a ilusión de transformar Viana e de poñer en marcha ideas que lle dean un novo impulso a este concello e, sobre todo, que poñan ás persoas no centro”, aseguraba.
Por outra banda, Pontón sinalaba que “concellos como Viana do Bolo, que está no rural e nunha zona de montaña, necesitan un plus por parte das institucións para poder afrontar os retos que teñen e tamén para poder mellorar a calidade de vida da súa veciñanza, porque sabemos que aquí hai un enorme potencial, pero tamén se necesita investimento, axudas e iniciativas transformadoras e nós o que queremos é que Viana do Bolo volva avanzar da man do BNG”.
Neste senso, a voceira nacional do BNG apuntaba como prioridades para o municipio a humanización do concello, a mellora da mobilidade e a dinamización cultural da localidade. “Vanse impulsar iniciativas tranformadores, mellorando todo o que ten que ver coa mobilidade como é a mellora da seguridade viaria da OU-533, que atravesa Viana e que ten un volume moi importante de tráfico, e imos seguir traballando para que este sexa un concello referente no ámbito cultural, apostando pola igualdade”.

As riadas e os arrastres nas aldeas vianesas
Finalmente, Ana Pontón expresaba a súa solidariedade coa “veciñanza afectada polas riadas, que viviu unha situación realmente moi complexa e que sabemos que a día de hoxe non hai as solucións que se prometeran. A veciñanza está moi preocupada por que esas riadas poidan volver a producirse e para iso é necesario que haxa melloras estruturais que se faga unha restauración hidrolóxica-forestal que permita que eses veciños non miren con medo cara o ceo cada vez que chove porque sabemos que a situación pode volver a repetirse. E esta é unha demanda que dende o BNG imos seguir reivindicando e traballando diante das administracións compententes”.
Así mesmo, a representante nacionalista indicaba que “tamén cremos que é necesario que haxa un maior esforzo por que haxa máis recursos que cheguen directamente a eses veciños para a recuperación de todas estas zonas, para recuperar a normalidade. E seguimos insistindo en que se debe de declarar zona catastrófica para que haxa axudas extraordinarias que palíen os danos e que eviten que unha situación así volva a repetirse. Chegou o momento de pasar das boas palabras aos feitos que é o que lle dará tranquilidade a esa veciñanza”.
Fotos e vídeos: O SIL.