PolíticaSen categorizarÚltima hora

Ante o 29N, o BNG levará a Madrid o saneamento do Pereanes e os ríos Casoio e Sil para “recuperar a calidade ambiental”

“O escano do BNG por Ourense defenderá resolver os problemas de saneamento e garantir a conservación dos recursos naturais” di Presas

 

A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, sinala que ante o 29N, a organización nacionalista empregará “o seu escano pola circunscrición de Ourense para que, entre outras cuestións, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil impulse as actuacións necesarias para mellorar o saneamento do regato do Pereanes e dos ríos Casoio e Sil, na comarca de Valdeorras”. Esta formación política considera que “a protección e recuperación dos cursos fluviais debe ser unha prioridade das administracións, garantindo a calidade das augas e evitando que as deficiencias nas infraestruturas de saneamento sigan afectando o medio natural”.

Valdeorras, afirma Presas, “conta cun patrimonio fluvial de enorme valor ambiental e social que debemos preservar. Precisamos actuacións concretas para resolver os problemas de saneamento, protexer os ecosistemas e garantir que os nosos ríos estean nas condicións que merecen”.

A cabeza de lista do BNG considera necesario que o organismo, dependente do Goberno do Estado, dea “resposta ás necesidades existentes no territorio e impulse os investimentos precisos para avanzar na mellora das infraestruturas de saneamento e depuración”. Neste sentido, subliña que “non se pode desligar a protección dos ríos da calidade de vida das persoas que viven nas súas contornas nin da conservación dos recursos naturais da comarca”.

Reivindicar a transferencia a Galicia das competencias da CHMS

Noa Presas aproveita esta demanda para reivindicar a transferencia a Galicia das competencias da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, de maneira que o País poida asumir a xestión das bacías hidrográficas que discorren integramente polo territorio galego.

“Non é razoábel que Galiza non teña capacidade plena para decidir sobre a planificación e xestión dos seus propios ríos. Necesitamos competencias e recursos para establecer prioridades, planificar os investimentos e responder directamente ás necesidades dos concellos”, afirma.

A cabeza de lista do BNG considera que “as demandas de saneamento do regato do Pereanes e dos ríos Casoio e Sil evidencian a importancia de contar cunha Administración galega con capacidade real de intervención na protección dos recursos hídricos”.

Para Noa Presas asegura que “defender Valdeorras tamén é defender o seu patrimonio natural. Queremos ríos limpos, actuacións de saneamento e unha xestión dos recursos hídricos pensada desde Galiza, con capacidade para dar resposta aos problemas concretos de cada comarca”.

Back to top button