DeportesÚltima hora

Ante o éxito de inscricións Motoxeada 2026 amplía o seu aforo e traslada a XI edición a Chao da Veiga

Paraxe de Chao da Veiga./ Foto cedida.

 

A concentración invernal Motoxeada quenta motores para a que promete ser a súa edición máis memorable. O evento, que se celebrará os días 11, 12 e 13 de decembro de 2026, anuncia un importante cambio de localización: a cita trasladarase á espectacular paraxe de Chao da Veiga, onde se sitúa a Capela Nova de San Xil, en Carballeda de Valdeorras.

“Este novo enclave estratéxico sitúase 5 quilómetros antes de Fonte da Cova pola mesma estrada OU-122, tras pasar o cruzamento de Casaio”, explican dende a organización, asegurando que a decisión responde ao “abafador éxito da convocatoria internacional”. Estando a piques de superar o límite inicial de 200 asistentes en tempo récord, a organización decidiu dar un paso á fronte para poder albergar a un maior número de moteiros, non quedando ninguén fóra, ampliando a capacidade oficial ata os 300 rexistrados. “Deste xeito, o traslado loxístico a Chao da Veiga permite salvagardar os prazos organizativos ao seguir sen concesión o centro de turismo Fonte da Cova, e ofrecer un recinto de maior magnitude e capacidade”.

Para asegurar o máximo confort fronte ao desafío do inverno galego, a nova localización contará cunha extensa zona de acampada e unha gran carpa climatizada. “Será neste espazo central onde se desenvolverán gran parte das actividades, garantindo a convivencia e irmandade que definen á concentración”.

 

Recreación con IA da Motoxeada 2026./ Foto cedida.

 

Un programa deseñado para a auténtica familia moteira

Para os tres días de concentración, a organización deseñou unha completa axenda pensada para o desfrute e o mototurismo de calidade.

– Venres 11: Apertura de inscricións e zona de acampada ao 16 horas, seguida da tradicional merenda moteira e unha gran festa tardeo con Dj para dar a benvida aos grandes viaxantes.

– Sábado 12: A xornada principal arrincará cunha ruta turística matinal que incluirá unha “petiscada” en ruta. Ao mediodía, o tradicional “Porco ou espeto”, totalmente gratuíto para os asistentes. A xornada continuará con xogos moteiros, tardeo, unha gran cea de irmandade e festa nocturna con tentempié de madrugada.

– Domingo 13: O evento concluirá cunha nova ruta turística pola excepcional contorna de Casaio (Carballeda de Valdeorras), a entrega de recordos aos motoclubs asistentes, sorteo de agasallos e o acto de clausura oficial ao 13.00 h.

O motor detrás do evento

É de ben nacido ser agradecido, por iso dende a organización recoñecen que “o éxito de Motoxeada non sería posible sen a inestimable colaboración das empresas patrocinadoras que, ano tras ano, brindan o seu apoio, o seu compromiso constante, respaldo economico e o prestixio das súas marcas, resultan fundamentais para facer realidade esta gran cita motociclista”.

Así mesmo, o imparable crecemento do evento susténtase no firme respaldo institucional. “Motoxeada conta co apoio incondicional do Concello de Carballeda de Valdeorras e da Xunta de Montes de Casaio, veciños e vila de Casaio en xeral, piares esenciais para o desenvolvemento desta concentración que xa sitúa á comarca, e á súa impoñente estrada OU-122, como un referente indiscutible no mapa europeo do mototurismo de inverno”.

Back to top button