A creatividade e orixinalidade do polifacético artista Anxo Baranga está fóra de toda dúbida. Igual pinta, que fai unha escultura, conta un conto ou fai teatro. De aí que a exposición que como creador do cartel das Festas do Cristo deste ano terá na sala Abanca (praza do Príncipe), do 12 ao 20 de setembro, non sexa unha mostra ao uso.
“Non será un espazo onde o público vai e empápase de arte, senón que será unha exposición participativa, algo diferente que merece unha semblanza especial”, aseguraba a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, na presentación que tiña lugar na mañá deste martes 9 de setembro no Concello.
Alí, o propio artista valdeorrés explicaba que si haberá cadros pero tamén un obradoiro. “O que fixen foi coller o meu taller de Córgomo, que está cheo de figuras e cadros, e colocalos na sala. Non están os últimos que fixen pero case case convertín a sala de exposicións na miña propia casa, no meu taller de arte”. De aí que a xente que teña inquedanza e queira saber en que consiste a súa obra (pintura, debuxo e sobre todo a técnica do papel maché) poderá pasarse por alí e descubrilo.

A pintura de Anxo Baranga, membro de Furafollas Agrupación Teatral de Barcelona, está moi vinculada coa narración oral, “coas conversas que tiña cos meus compañeiros de teatro, falando de cadros, de literatura,… e iso é o que quero trasladar á sala Abanca onde os interesados en coñecer o papel maché, dende os 9 ata os 90 anos, poden pasarse os días 15, 16, 17 e 18 pola tarde. A única condición é traer roupa de traballo e grandes doses de paciencia porque trátase de algo en construción que non se acaba no día, de aí o nome da exposición onde se verán obras acabadas pero que o tempo fai que estén en construción”, dixo Baranga, explicando que arredor das sete da tarde estará pola sala para dar nocións básicas sobre a técnica, nesta actividade para o público familiar.
A exposición estará aberta do 12 ao 20 de setembro na sala Abanca, na praza do Príncipe, en horario de 12 a 14 horas e de 18 a 21 horas e a inauguración será este xoves día 11, unha hora antes do previsto inicialmente, ás 19:30 horas e xa nese momento Anxo proporá un conto. Despois cada día contará unha historia “sobre as Letras Galegas, historias reivindicativas…”
A clausura, o sábado día 20 tamén traerá consigo unha interesante proposta. “Ás 12 horas gustaríame facer un contacontos para os nenos a partir de 5 anos, tal como fago en Barcelona, para despedir a exposición”, dixo, convidando á xente a pasarse por alí.


Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.