
A Asociación Empresarial de Transportes de Mercadorías por Estrada de Galicia (Apetamcor), a organización máis representativa do transporte galego en número de empresas, amosa a súa “profunda preocupación pola evolución do prezo dos combustibles e pola incerteza que esta situación está a xerar na viabilidade económica de moitas empresas do sector”.
Apetamcor conta con catro sedes repartidas nas catro provincias galegas e representa actualmente a máis de 1.600 empresas de transporte, que operan con ao redor de 7.000 vehículos. Desde a asociación advirten de que “o combustible constitúe un dos principais custos na conta de explotación das empresas transportistas, polo que calquera incremento sostido do prezo ten un impacto directo e moi significativo na súa actividade”; e no actual contexto internacional, marcado por tensións xeopolíticas e conflitos como a guerra en Oriente Medio, “o mercado enerxético continúa mostrando unha elevada volatilidade que repercute directamente no prezo do gasóleo”.
Aseguran que “esta situación está a provocar unha crecente incerteza económica no sector do transporte, dificultando a planificación da actividade e reducindo as marxes de moitas empresas”, polo que dende Apetamcor “solicitan ao Goberno central que adopte de forma urxente medidas de apoio ao sector, entre elas a reactivación dunha bonificación ao combustible similar á aplicada en marzo de 2022, cando o forte incremento do prezo do gasóleo obrigou a implementar medidas extraordinarias para garantir a continuidade do transporte”.
Así mesmo, a asociación pide “ao Goberno autonómico galego que traslade esta demanda ao Executivo central e que apoie activamente ao sector, dada a importancia estratéxica do transporte de mercadorías para o funcionamento da economía e o abastecemento de empresas e cidadáns”.
Desde Apetamcor insisten en que “garantir a estabilidade do sector do transporte é esencial para o conxunto do tecido produtivo”, polo que consideran” imprescindible” que se adopten medidas que permitan ás empresas seguir desenvolvendo a súa actividade cunhas condicións mínimas de estabilidade económica. “A evolución do prezo do combustible está a xerar unha gran incerteza nas nosas empresas. Necesitamos medidas que acheguen estabilidade e que permitan ao sector seguir traballando con normalidade”, sinalan desde a asociación.