
Co apoio dos tres grupos políticos da Corporación local do Barco saía adiante no pleno ordinario do 1 de outubro unha moción-declaración institucional en defensa da “sanidade pública e da atención atención primaria no Distrito do Barco”. A iniciativa era lida pola voceira socialista, Margarida Pizcueta.
Na súa exposición de motivos sinalábase que o Distrito Sanitario do Barco de Valdeorras “presenta unhas características territoriais, demográficas, sociais e xeográficas que deben ser tidas en conta na planificación sanitaria. Trátase dun territorio marcado pola dispersión poboacional, a orografía de montaña, as distancias e dificultades de comunicación, a climatoloxía adversa durante determinados períodos do ano e un progresivo envellecemento da poboación, con importantes niveis de cronicidade e pluripatoloxía. Estas circunstancias fan especialmente relevante garantir unha adecuada accesibilidade aos servizos sanitarios e dispoñer dos recursos humanos, asistenciais e de emerxencias necesarios para dar resposta ás necesidades da poboación”.
Ademais, indícase que o Concello considera “necesario que a planificación sanitaria se fundamente en datos epidemiolóxicos e asistenciais fiables, actualizados e específicos do territorio”, tamén que “as características xeográficas e demográficas de Valdeorras fan especialmente importante dispoñer dun sistema de emerxencias sanitarias con capacidade suficiente para responder en tempos adecuados ante situacións graves e urxentes. Neste contexto, considérase necesario avaliar e dar resposta á demanda social existente respecto da dotación no territorio dunha base do 061 con capacidade de soporte vital avanzado medicalizado (SVA) ou de soporte vital avanzado con enfermaría (SVAE)”.
O texto da declaración apunta así mesmo que o “Concello do Barco de Valdeorras considera tamén imprescindible garantir a suficiencia dos recursos humanos da atención primaria e hospitalaria, así como a estabilidade dos cadros de persoal e a cobertura das ausencias derivadas de permisos, baixas ou vacantes”.
A iniciativa conclúe cunha serie de acordos que eran aprobados polo pleno, entre eles, “manifestar o compromiso do Concello do Barco de Valdeorras coa defensa dunha sanidade pública, universal, próxima, accesible e de calidade, e coa garantía dunha atención sanitaria adecuada ás características territoriais, demográficas, sociais e epidemiolóxicas do Distrito Sanitario de Valdeorras”. Outro dos acordos é “instar á Consellería de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde a realizar ou promover estudos epidemiolóxicos específicos do Distrito Sanitario de Valdeorras que permitan coñecer a prevalencia das principais patoloxías da poboación, prestando especial atención ás enfermidades respiratorias e, en particular, á incidencia e prevalencia da silicose e doutras enfermidades relacionadas coa exposición laboral á sílice”.
Tamén acordaba o pleno do Concello do Barco “solicitar á Consellería de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde información clara e actualizada sobre os recursos humanos do Hospital Público de Valdeorras e da atención primaria do distrito, incluíndo as prazas básicas e xefaturas existentes, as prazas cubertas, vacantes e, cando proceda, a situación dos nomeamentos temporais por servizo ou unidade asistencial, dentro dos límites establecidos pola normativa de protección de datos”; así como “instar á Consellería de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde a avaliar as necesidades de persoal do Distrito Sanitario de Valdeorras” e “solicitar que se adopten as medidas necesarias para garantir unha carteira de servizos sanitarios adecuada ás necesidades da poboación de Valdeorras”.
Por outra banda, manifestábase o apoio do Concello “ás mobilizacións cidadás que, desde o respecto e a defensa dos principios democráticos, teñan como finalidade reclamar unha sanidade pública próxima, accesible e de calidade para o conxunto da poboación de Valdeorras, incluída a manifestación convocada pola Plataforma Sanitaria de Valdeorras para o día 17 de outubro de 2026, ás 17:30 horas, no Barco de Valdeorras”.

Na quenda de intervencións, o voceiro municipal do BNG, Manuel Agra, sinalaba que “no hospital do Barco hai servizos polos que esperar, e, por citar algúns exemplos actuais, carecemos de dermatólogo, de psicólogo, de cardiólogo, de neurólogo, de otorrino… onte mesmo había unha concentración de Asilival para demandar un servizo de neumoloxía para Valdeorras, dado o índice de sílicose na comarca, o centro de Saúde do Barco segue á espera dun pediatra, igualmente carecemos de ambulancia de soporte vital avanzado, tampouco existe a figura do Consello de Saúde de Distrito que permitiría a participación cidadá”.
Deste xeito, engadía Manuel Agra, debúxase un panorama “na sanidade da nosa comarca que obriga a organizacións, a institucións políticas, sindicatos, asociacións e veciñanza a estar sempre co pé na rúa reivindicando unha sanidade digna. É o noso deber, como tamén é o noso deber sinalar que a Xunta de Galicia é a responsable desa diminución da plantilla e da actividade do noso hospital”.
Finalmente, tomaba a palabra o voceiro muncipal do PP, Antonio Melo, quen aseguraba que “esta é unha declaración institucional, hai unha exposición de motivos e uns acordos cos que estamos de acordo”.

Esta moción de institucional de apoio á sanidade pública era votada e resultaba aprobada por unanimidade.
Nesta mesma sesión plenaria tamén se aprobaba unha moción presentada polo PP e defendida pola concelleira Dosinda Arias de apoio ás familias Cume “que coidan de fillos con cancro ou outra enfermidade grave para garantir a continuidade da súa protección e coidados” e na que se pedía que o Concello do Barco instase ao Goberno do Estado a implementar unha serie de melloras efectivas á citada prestación cume.

A moción lograba os votos a favor do PP e do BNG, pero o PSdeG-PSOE abstíñase ao considerar que xa se estaba a traballar nesas melloras.
Fotos e vídeo: O SIL.
