Como previr accidentes domésticos comúns e detectar sinais de alerta en bebés e nenos pequenos, pero tamén aprender a realizar manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) adaptadas á infancia, actuacións ante atragoamentos e outros escenarios de urxencia. Eran algunhas das cuestións, tanto teóricas como prácticas, que aprendían as mais e pais asistentes ao III Taller de Primeiros Auxilios para Bebés e Primeira Infancia da Asociación De Nai a Nai, que se desenvolvía esta tarde na sede desta entidade no Barco.

Esta acción formativa estaba impartida por Beatriz Rodríguez Collazo, enfermeira pediátrica do Centro de Saúde do Barco, quen xa conducira con gran éxito as anteriores edicións deste obradoiro. No seu decurso quedaba patente como aprender a identificar e responder con seguridade ante unha emerxencia pode marcar a diferenza.
Fotos: A.R.