ConcellosTrivesÚltima horaVídeos

Aprobado no pleno de Trives o proxecto de mellora do campo de fútbol do Agro

Nesta mesma sesión dábase conta da renuncia de dous concelleiros: o socialista Aarón Álvarez e o popular Roberto González

 

A Corporación da Pobra de Trives vén de aprobar por unanimidade na sesión plenaria celebrada neste 27 de marzo o proxecto de mellora e rehabilitación do Campo Municipal O Agro, cun investimento total de 518.370,07 euros financiados pola Xunta, Deputación e Concello. Esta actuación transformará o actual campo de fútbol de herba natural nunha instalación moderna con céspede artificial, mellorando as condicións para a práctica deportiva e permitindo un uso máis intensivo.

O proxecto inclúe a substitución do céspede natural por unha superficie sintética de alta calidade, cumprindo cos estándares da FIFA e da RFEF para competicións. Ademais, renovarase por completo o sistema de iluminación mediante proxectores LED máis eficientes, que garantirán unha mellor visibilidade e un menor consumo enerxético. Tamén se actualizarán as redes de drenaxe e rego, asegurando un mantemento máis sostible e reducindo os custos de conservación.

Entre as principais melloras destacan a preparación do terreo con movementos de terras e a instalación dunha base estable para o céspede artificial, así como a colocación de novas canaletas e tubos para unha drenaxe eficiente. O sistema de rego contar con aspersores automatizados, mentres que a nova iluminación LED, situada en torres de 18 metros de altura, permitirá un alumeado uniforme e sen deslumbramentos.

 

 

As obras desenvolveranse nun prazo de catro meses, distribuídas en varias fases. Nun primeiro momento, realizarase a retirada dos elementos existentes e a preparación do terreo. A continuación, executaranse as cimentacións para as novas instalacións, seguido da colocación das redes de drenaxe, rego e electricidade. A fase final incluirá a instalación do céspede artificial e a colocación do novo equipamento deportivo, como porterías e bancos.

Unha vez rematadas as obras, o Campo Municipal O Agro converterase nun espazo moderno, funcional e adaptado ás necesidades dos clubs locais e da cidadanía en xeral, impulsando o deporte base na comarca.

 

 

Ademais, durante a sesión deuse conta de dúas renuncias de concelleiros desta Coorporación local: Roberto González Castro, concelleiro e portavoz do Partido Popular, e Aarón Álvarez Corrales, concelleiro do PSdeG-PSOE, que deixaron cadansúas actas. Ningún dos dous asistía á sesión plenaria.

A alcaldesa, Patricia Domínguez, quixo dedicarlles unhas palabras a ambos. “Estou segura de que, para quen ocupamos un escano nesta corporación, representar aos nosos veciños e veciñas é unha inmensa honra. Estou igualmente convencida de que para Aarón e Roberto, tamén o foi durante estes meses nos que exerceron como concelleiros. Por iso, quero agradecerlles o seu desempeño dende que tomamos posesión en xullo de 2023. Especialmente a Aarón, con quen compartín tarefas de goberno e horas de traballo”.

 

 

Así mesmo, expresoulles tamén “no nome do goberno e creo que tamén de toda a corporación, moitos éxitos en todo o que emprendan a partir de agora”

A renuncia de ambos concelleiros será trasladada á Xunta Electoral, para que os seguintes nas listas de PP e PSdeG podan tomar posesión o antes posible.

Na parte final do sesión, o concelleiro do PP Luis Araújo tamén se lle facíavarias preguntas á alcaldesa sobre diversos asuntos locais, que eran respostadas pola rexedora.

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Back to top button