
Na mañá deste luns 8 de xuño o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presidía a reunión da Xunta de Seguridade onde se aprobaba o dispositivo que se despregará entre os días 12 e 14 de xuño con motivo da 59ª edición do Rally Ourense Recalvi.

Eladio Santos trasladou o compromiso da Subdelegación do Goberno e do conxunto das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para garantir que a proba discorra con normalidade e sen incidencias. Tamén agradeceu de maneira especial a colaboración da escudaría organizadora e dos efectivos de seguridade públicos, “porque sen a súa dedicación e profesionalidade non sería posible desenvolver con seguridade un evento desta dimensión”.

A Xunta de Seguridade serviu para revisar e reforzar os protocolos de actuación conxunta, tanto no ámbito do tráfico como na seguridade cidadá, co obxectivo de prever riscos e responder de forma rápida ante calquera eventualidade. O subdelegado sinalou a importancia de que a cidadanía que queira asistir a este evento cumpra co marcado pola seguridade da proba e polas Forzas de Seguridade, dado a relevancia da competición na que están inscritos 84 equipos.