A Corporación municipal de Viana do Bolo vén de aprobar este mediodía en pleno os orzamentos municipais para o 2025, cun importe total de 3.206.924,91 euros. A aprotación deste punto implicaría a tan demandada licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que levou o mes pasado ao seu persoal a unha folga indefinida.
O punto dos orzamentos saía adiante grazas ao voto de calidade do alcalde, Andrés Montesinos, xa que na votación os 5 edís do PP votaban a favor, mentres que os 3 do PSdeG-PSOE votaban en contra e 2 do BNG (xa que 1 dos edís estaba ausente na sesión) tamén en contra.
“Levabamos os orzamentos prorrogados dende o 2023 e isto permítenos contar cun novo orzamento e, ao mesmo tempo, darlle solución ao problema do SAF e tamén para poder cumprir coas subvencións e coas axudas ás asociacións, principalmente é iso”, explica o alcalde de Viana do Bolo, Andrés Montesinos do PP. Ademais adianta que o seguinte paso no referente ao SAF sería xa, sacar a concurso esa licitación do servizo, o que se prevé nun vindeiro pleno no que espera contar co respaldo da oposición para poder aprobala.
Dende o BNG, que pedía hai uns días un pleno extraordinario para abordar a cuestión do SAF e que plantexaba alternativas diferentes á aprobación do orzamento para solucionar a situación, explícase o seu voto en contra aos orzamentos polo que “significan, e fundamentalmente porque van moi tarde e fóra de prazo, xa teñen gastado e executado ese orzamento e non os podemos respaldar porque levan un investimento ridículo dun 4%, son 128.000 euros de investimento”, di o voceiro municipal do BNG, Secundino Fernández.
De feito a última vez que saíu a concurso o servizo do SAF, engaden, “foi no ano 2018, gobernando o BNG, e non había orzamentos aprobados, e aprobouse o concurso en pleno e nós entendemos que, cos datos que hai no Concello, hai diferentes formas de poder sacalo ao concurso á parte dos orzamentos”. Aínda así, os nacionalistas esperan que esta aprobación permita “que lles actualicen os prezos ás traballadoras do SAF e que se saque o concurso do servizo”.
Tamén dende o partido socialista vianés xa se tiña pedido previamente, nun escrito, que se destinasen diferentes importes doutras partidas existentes de cara a solucionar a poblemática do SAF e para sacar a concurso o servizo, á marxe do orzamento, e din que nunca se lles informou xuridicamente de que esas propostas non eran válidas. “Pensamos que non era razoable aprobar o orzamento desta maneira, xa que nós estamos en contra da xestión que fai o PP e con usos indebidos de partiadas, alegrámonos polas traballadoras do SAF, de que resolvan o seu problema, pero consideramos que había outros xeitos de facelo e non así, con artimañas e subterfuxios. Nós defendiamos que sa problemática podía resolverse de maneira razoable con partidas que se podían facer sen ningún tipo de problema, eles negáronse sempre. Por iso a nosa postura é criticar os métodos e a ausencia dun concelleiro do BNG”, indica o voceiro municipal do partido socialista, Germán García-Ávila.
Ao pleno asistían un grupo de traballadoras do SAF, con carteis nos que expresaban as súas demandas.
Fotos cedidas.