Pasadas as 11h. da mañá deste 18 de agosto unha furgoneta de Conservación de Estradas, aparcada nas proximidades da sala de conferencias do Toural da Veiga, comezaba a arder, tras producirse un estoupido no seu interior, onde levaba un xenerador e un bidón de pintura, xa que os operarios do vehículo estaban a realizar labores de pintado do vial.

As chamas propagábanse rapidamente e pasaban ao edificio público do Toural e tamén á finca pegada a el. Con todo, a rápida intervención do GES da Veiga e dos voluntarios de Protección Civil, así como a colaboración cidadá conseguía frear as chamas e permitía controlar o incendio. Tamén se sumaba as tarefas de extinción unha efectiva do GES que hoxe non traballaba e mobilizábase a brigada do Concello da Veiga cos catro vehículos contraincendios dos que dispón, así como aos bombeiros do parque comarcal da Rúa, cuxa intervención non foi necesaria finalmente.

Dúas horas despois, o incendio estaba estabilizado pese á súa complexidade polo material inflamable. No intre de escribir estas liñas estabase á espera de que unha grúa poida proceder a retirar a furgoneta calcinada.
Non houbo que lamentar danos persoais, pero si cuantiosos danos materiais. Ademais de alcanzar o edificio do Toural, as chamas tamén se estendían uns 20 metros nun terreo próximo, polo que se temía que de, non controlalas, mesmo puidesen chegar ata Casdenodres, unha aldea cercana, segundo explica o tenente de alcalde da Veiga, Vicente Lameiro.
Fotos e vídeo cedidos.