
Ribadavia acolleu esta tarde a inauguración da segunda edición do mercado Artesanía, Saber e Sabor, que permanecerá aberto no casco histórico ata o vindeiro luns 8 de decembro. A partir das 16.15 horas, as rúas do centro histórico convértense, dende este momento e durante toda a ponte de decembro, nun espazo vivo de artesanía, gastronomía e actividade cultural, no que se desenvolverán obradoiros, actuacións musicais e sorteos dirixidos á veciñanza e visitantes.
O acto institucional contou coa presenza do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e da conselleira do Medio Rural, María José Gómez. Tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, xunto con outros representantes do Goberno galego, que acompañaron ao alcalde de Ribadavia, César Fernández, no percorrido inaugural polo mercado e polos primeiros locais integrados no proxecto Vilas Vivas.
Durante a visita, o alcalde lembrou que a primeira edición deste mercado xa resultara un éxito, asegurando que “congregou en Rivadavia durante a ponte festiva máis de oito mil persoas”, un dato que —explicou— motivou a repetir a iniciativa este ano “co obxectivo de alcanzar de novo ese éxito colectivo”.

Fernández quixo tamén agradecer o apoio da administración autonómica: “En nome de todos os veciños e veciñas de Rivadavia, quero expresar o meu agradecemento á Xunta de Galicia e ás Consellerías de Medio Rural e de Emprego pola súa implicación para facer posible unha actividade como esta”.
O rexedor destacou ademais o peso que o proxecto Vilas Vivas terá no futuro da vila, subliñando que se presenta como “un proxecto no que teño moitas esperanzas depositadas para que sexa realmente transformador de Rivadavia”.
Por último, convidou á cidadanía a achegarse durante a ponte: “Agardo que esta edición sexa un éxito e aproveito para convidar a todos e todas a desfrutar do noso casco histórico, dun entorno marabilloso e de produtos de máxima calidade”.
Arranque oficial de Vilas Vivas, proxecto pioneiro de revitalización comercial
O acto marcou tamén o lanzamento oficial de Vilas Vivas, un proxecto pioneiro en Galicia destinado á recuperación de baixos comerciais en desuso nas vilas históricas para impulsar a actividade económica local. Ribadavia convértese así na primeira localidade galega en activar este programa enmarcado no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030.
As autoridades visitaron os nove primeiros locais xa acondicionados, tres dos cales —Colmado de Sabores, A Tafona do Camiño e Pura Vila— abriron hoxe as súas portas. O resto dos espazos estarán operativos progresivamente nos próximos meses, ata acadar os 15 establecementos en funcionamento a mediados de 2026.

Tras o éxito da edición piloto celebrada en 2024, Artesanía, Saber e Sabor está chamado a atraer de novo milleiros de persoas ao longo da ponte de decembro. A combinación de artesanía de proximidade, produtos alimentarios de calidade, gastronomía do Ribeiro e unha sólida programación cultural reforza a posición de Ribadavia como destino destacado, especialmente nun contexto no que as conexións ferroviarias de alta velocidade facilitan a chegada de público de dentro e fóra de Galicia.