Na mañá deste luns 7 de xullo comezaba na Estación de Montaña Manzaneda o III Campus de Fútbol Mixto de San Xoán de Río, coa chegada dos 50 nenos e nenas inscritos no primeiro turno. “As prazas están totalmente cubertas e hai lista de agarda, o que confirma o éxito e consolidación desta proposta pioneira de verán”, tal como indican dende o Concello de Río.
En total, máis de 100 participantes gozarán ao longo das dúas quendas dun campus que combina deporte, igualdade e natureza a 1.500 metros de altitude. A iniciativa está dirixida a rapaces e rapazas de entre 5 e 16 anos, e destaca por ser totalmente gratuíta, impartida por adestradoras profesionais e cun servizo de transporte en autobús diario.

Na inauguración do campamento, o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, celebraba o novo inicio. “Voltar ver o campo de fútbol da Estación de Manzaneda cheo de vida e actividade é unha gran noticia para o rural e para a nosa mocidade. Este campus é un exemplo de igualdade, acceso ao deporte e dinamización territorial”, dixo.
Durante o campus, os participantes realizarán adestramentos técnicos, xogos cooperativos e actividades ao aire libre, promovendo valores como o compañeirismo, a inclusión e os hábitos saudables.
Fotos cedidas.