Un día antes da data oficial, para non coincidir coa programación cultural en cada concello, a celebración das Letras Galegas por parte da Fundación Florencio Delgado Gurriarán volvía encher a aldea de Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras, de artesanía, música, baile e encontro na terceira edición da Florenciada que dende as 11 da mañá deste sábado 16 de maio e ata pasadas as sete da tarde facía vibrar á aldea cun completo programa de actividades.

Un dos pratos fortes era a feira de artesáns de Valdeorras, con preto de vinte negocios con produtos para a venda e degustación in situ, con mel, licores, doces, queixos, artesanía de madeira, resina e louxa. Xunto a eles, por vez primeira, había un espazo para as librarías da comarca.

Para o xantar, a organización dispuxo de mesas e cadeiras con sombra colocadas pola vila, cun posto de polbo, outro para mercar arroz dunha paella xigante e outros moitos petiscos que os visitantes podían levar aos comedores habilitados na Aira das Guerras ou na Casa da Cruz, a casa natal de Florencio e que xa o ano pasado foi habilitada para o xantar popular.

Todo este ambiente festivo estivo animado polos cantos de taberna dos grupos Charangateiros, Macizas Centrais, Pándega e Abertal, coa participación da veciñanza, mantendo viva unha cita que dende a súa primeira edición se demostrou como un espazo de encontro e celebración da cultura galega.


Fotos: Carlos G. Hervella.