Dende as seis da tarde do sábado para preparar os bocetos e comezar coa elaboración en torno ás dez e media, ata pouco antes da procesión de hoxe. Tras horas de traballo sen descanso, na mañá deste domingo 22 de xuño a veciñanza da Rúa Vella admiraba, cansada pero satisfeita, o resultado: tres fermosas alfombras (no adro da igrexa, na rúa e na praza César Conti) e dous altares para recibir a procesión do Corpus Christi na parroquia de Santo Estevo.
Na realización destes coloristas e elaborados tapices usan principalmente sal tinguida de diferentes cores e tulla picada, entre outros elementos como garavanzos ou lentellas tamén tinguidas, destacando especialmente os motivos relixiosos con alusións ao Ano Xubilar.
O grupo de alfombristas da Rúa Vella mantén con agarimo esta fermosa tradición na que colaboran veciños do barrio e doutros puntos da vila. “Este ano veu máis xente que o ano pasado”, din, recoñecendo que contan con xente nova que lles está a axudar moito.



Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver