
A primeira hora da tarde do 16 de agosto o lume comezaba a asomar preto das casas San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras). Aquilo significaba que á veciñanza non lle quedaba outra opción, ante a total ausencia de medios, de abandonar a aldea para poñerse a salvo. Nese intre, como antano, e como sinal de alarma, varios veciños tocaban as campás da capeliña e tamén da igrexa do pobo. E despois saían dalí, mentres observaban con desesperación como varias linguas entraban nos dous barrios de San Vicente, deixando ao seu paso a devastación.
Mañá, martes 16 de setembro, cumprirase un mes deses tráxicos feitos. E, a modo reivindicativo, e tamén e sinal de loito, para lembrar o que sucedeu e pedir que se poñan os medios para isto nunca volva pasar nesta ou noutras aldeas, como é o caso das Cesures e Fervenza (O Barco), Arnado de Oencia e Lusío, Xestoso, Cereixido; o pobo de San Vicente decidiu tocar mañá ao mediodía as campás da capela e da igrexa, precisamente o último xesto de aviso que facían antes de abandonar a localidade.
Ademais animan á veciñanza doutras aldeas tanto veciñas como doutros lugares a que se sumen a esta iniciativa e toquen tamén as campás mañá a esa mesma hora. “Invitámolo a que o fagan para reinvidicar que os pobos existen e que non pode ser que ante unha emerxencia como a dos incendios que sufrimos, o único recurso que tivemos foi tocar as campás”, din os veciños de San Vicente de Leira.
Fotos cedidas.
