
Máis de 60 alumnos do Centro Integrado de Formación Profesional Cantería de Galicia, situado en Poio (Pontevedra), asistiron esta mañá a unha conferencia sobre as características da lousa e os seus sistemas de colocación. O relator, o doutor en Dirección Integrada de Proxectos e experto en Enxeñería da Edificación e Execución de Obras, Santiago López Piñero, explicou as propiedades técnicas do material, así como os métodos de instalación máis habituais.
Á xornada formativa asistiron estudantes e profesores do Ciclo Superior de Edificación, do Ciclo Medio de Pedra Natural -Alta especialización en cantería, do Ciclo Medio de Construción, e do Ciclo Básico de Reforma e Mantemento de Edificios. Tras unha breve presentación do sector ofrecida polo xerente do Clúster da Pizarra de Galicia, Severino González, comezou unha completa clase teórica e práctica de 90 minutos, coa que os alumnos e os docentes descubriron algúns dos factores que converten á lousa nunha materia prima única. Durabilidade, impermeabilidade, illamento térmico e acústico, resistencia á flexión ou versatilidade; foron algúns dos conceptos sobre os que verso o relatorio.
Os asistentes puideron comprobar con ferramentas profesionais o sinxelo que é traballar con pezas de lousa, para preparalas para a súa posterior colocación en calquera tipo de edificio. Tanto en cubertas, como en fachadas ou pavimentos, buscando sempre a optimización dos sistemas de ventilación e de calefacción.
Métodos de colocación
Entre outros métodos de colocación, Santiago López destacou no seu discurso os sistemas transventilados para fachadas e cubertas. Unha técnica avalada pola práctica e polas normas de construción, pero, sobre todo, “pola experiencia dos colocadores de lousa que levan utilizando este método desde hai varios anos. Os profesionais están moi formados e teñen un nivel moi alto de especialización, algo fundamental á hora de colocar un produto como leste”.
Os profesores e os alumnos interesáronse nas diferenzas de uso da lousa, dependendo do tipo de obra que se estea realizando. López Piñeiro informoulles sobre unha ampla variedade de formas de colocación, indicándolles as diferenzas que existen á hora de utilizar este material en cubertas ou fachadas.
Accións formativas
Esta iniciativa enmárcase dentro das accións formativas que o Clúster da Pizarra de Galicia está a realizar en colaboración con varias escolas universitarias e centros de formación profesional e educación secundaria de Galicia. Nesta ocasión, o foco centrouse na formación dos estudantes de FP no uso da pedra natural galega. O experto, que exerceu a docencia durante moitos anos na Universidade da Coruña, admitiu sentirse agradecido pola importante asistencia de alumnos de catro ciclos formativos diferentes.
Para o presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Eliseo López, “que a lousa e os seus sistemas de colocación sexan presentados por expertos como Santiago López aos futuros profesionais da construción, é esencial para asegurar o futuro do noso sector. Un sector estratéxico na economía galega, tan intensivo en emprego como en produción, que permite combater o despoboamento do rural xa que xera máis de 2.400 empregos directos e de 10.000 postos de traballo indirectos”.