Coa charla «Que fai que unha lactación funcione? Da evidencia á vida real: accións que si axudan», que se impartía na tarde deste 5 de outubro, vén de completarse o programa da 14ª Semana da Lactación Materna do Barco, organizada pola asociación De Nai a Nai.
Esta conferencia, titulada “¿Que fai que unha lactación funcione? Da evidencia á vida rural, accións que si axudan” tiña lugar ás 17h. na sede da asociación e era impartida por Lorena Prada Fernández, IBCLC. A exposición tiña como punto de partida unha sinxela pregunta: “se coñecemos as intervencións que axudan a protexer, promover e manter a lactación, ¿que impide que estean dispoñibles para todas as familias que as necesitan?”.
Dende este plantexamento, a relatora abordaba a distancia que en ocasións existe entre a evidencia científica e a experiencia cotiá das familias, ademais de aspectos como o acompañamento durante o inicio da lactación, o apoio profesional cualificado, a continuidade da atención, o papel da familia e da comunidade e as condicións que poden facilitar a continuidade da lactación.

A Semana da Lactación Materna comezaba o domingo 4 de outubro cun obradoiro infantil de repostería. Con esta programación, De Nai a Nai pretende “reivindicar a importancia de que as familias dispoñan de información, acompañamento e recursos adecuados durante o proceso de lactación, poñendo o acento este ano na necesidade de fortalecer aquilo que xa sabemos que funciona e conseguir que ese apoio sexa accesible e sostible”. Esta Semana da Lactación Materna estaba financiada polo Concello do Barco.
O lema desta edición, «Lactación materna para un comezo de vida sostible: fortalecer o que funciona», propón centrar a atención non só naquilo que se sabe que funciona, senón tamén en como conseguir que as intervencións eficaces cheguen realmente ás familias e poidan manterse no tempo.
Fotos: A.R.
