Arredor dos efectos dos incendios forestais na caza, xiraba a conferencia que o biólogo e divulgador Juan Delibes, impartía na tarde do sábado 25 de outubro no Pazo do Castro (O Barco de Valdeorras), unha das actividades incluídas no programa das Xornadas Gastronómicas que o restaurante celebra durante este mes.
Amante da caza e da pesca por tradición familiar, a traxectoria profesional do fillo do escritor Miguel Delibes, investigador do Consello Superior de Investigacións Científicas, estivo vinculada a elas e á conservación da natureza, lembrando no Castro a súa relación coa Cabrera, comarca que visita con frecuencia e relatando como viviu desde Madrid os terribles incendios que arrasaron a zona, destruíndo miles de hectáreas e ameazando incluso a súa propia casa en Llamas de Cabrera, que máis tarde el mesmo gravaba, observando como animais como o xabarín estaban totalmente desorientados.



Durante a súa intervención, Delibes recoñeceu que os lumes de agora non son como os de antes. Son lumes novos, capaces de crear o seu propio clima, de lanzar raios e incluso provocar tormentas secas. “O lume do século XXI é intelixente, impredicible, case humano na súa malicia”, dixo, explicando o título da súa conferencia.
Así, a través de impactantes e tristes imaxes e vídeos foi mostrando paisaxes calcinadas e aldeas de diferentes partes de España salvadas grazas ao traballo conxunto dos veciños e a UME. Tamén de animais “achicharrados” polo lume, explicando que algunhas especies como rebecos e cabras montesas aféctalles máis que a outras, e mesturando datos científicos co seu propio testemuño, ata o punto de transmitir a angustia de quen viu as chamas chegar á porta da súa casa.
Tamén falou das ondas de solidariedade tralos lumes, para intentar paliar os seus efectos no ecosistema, axudar á xente afectada e alimentar ee protexer aos animais salvaxes. “Eu recibín dun amigo que caza na Cabrera unha notificación para axudar a dar comida e tamén de asociacións animalistas”, expuxo a modo de exemplos, asegurando que os especialistas en fauna e incluso Greenpeace din que é un erro e “recomendan non darlles comida aos animais despois dos incendios, porque despois do lume o monte recupérase dun xeito natural que se pode alterar se se verte comida de forma manual, sendo moi probablemente contraproducente ao desequilibra a rexeneración natural creando dependencia entre a fauna”. Con todo recoñeceu que nalgúns casos pudo ser de gran axuda.

Cunha visión equilibrada do medio natural, Delibes defendeu a caza responsable e sostible. “A caza ben xestionada pode contribuír ao equilibrio ecolóxico e ao mantemento dos espazos naturais”, dixo, insistindo na necesidade dun plan de xestión forestal. “Se non se toman medidas, sobre todo preventivas, o vivido este verán será só o comezo. Virán problemas e devastacións aínda peores”, concluía.
Compartindo mesa co conferenciante, a empresaria María Carmen Rodríguez era a encargada de presentar o acto que remataba cuns petiscos e viño de Valdeorras.


Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.