En portadaÚltima horaVídeos

“As covas de Valdeorras é un traballo colectivo, da comarca e para a comarca”

O Centro Cultural Avenida da Rúa acollía a presentación do libro escrito polas ruesas Carina Rodríguez e Cristina de la Torre

 

A dúo, igual que traballaron na súa creación, as ruesas Carina Rodríguez e Cristina de la Torre presentaban no Centro Cultural Avenida da Rúa o libro “As covas de Valdeorras, unha viaxe subterránea pola arquitectura e a cultura do viño”.

 

 

Tras dous anos de espera, na noite do xoves 20 de agosto vía a luz este traballo “colectivo, da comarca e para a comarca”, que xurdía a raiz do traballo de fin de carreira da arquitecta técnica Carina, hai xa varias décadas. Era o xerme dun libro, a primeira publicación en afondar nestes elementos tan singulares do patrimonio vitivinícola da comarca, que comezaba a fraguarse como tal hai dous anos tras un encontro entre as autoras e o investimento da Axencia de Turismo de Galicia, departamento que dirixe o tamén rués Xosé Manuel Merelles, tal como explicaban na presentación, cunha coidada posta en escena recreando unha antecova, e á que asistía numeroso público de toda a comarca, así como familiares e amigos das autoras e diferentes autoridades dos concellos, o subdelegado do Goberno e o propio director de Turismo de Galicia.

 

 

Do contido do libro falaba Carina, a primeira en intervir, asegurando aos presentes que “cando creces en Valdeorras e sobre todo, cando regresas a ela despois de residir noutros lugares como foi o meu caso, caes na conta da forza que ten esta comarca como conxunto”, sendo as covas de viño “bandeira” como elemento cultural que nos diferencia do resto de Galicia, que estimula unha conexión co lugar e contribúe a aumentar a nosa autoestima para cremos o que somos, “un territorio único”.

 

 

Explicou que ao comezar esta investigación non anticipaban a riqueza que atoparían baixo os seus pés. “Durante meses, mergullámonos nun mundo fascinante. Cada dia era unha aventura, unha oportunidade de descubrir novos detalles agochados nestas construcións centenarias. Percorremos a comarca guiadas pola xenerosidade dos veciños e cando nos abrían as portas das súas covas -tras o primeiro impacto do frescor que nos recibía, xunto co aroma a terra e viño- cada lugar presentábase como un universo único, unha historia por contar. Por iso, ainda que o proxecto comezase como unha investigación arquitectónica, foi obrigado ir máis alá e falar tamén da xeoloxía, da xente, da economía, da histo-ría, da paisaxe e da identidade de Valdeorras, moi relacionada coas covas”.

 

 

A metodoloxía do traballo de campo “foi rigorosa pero flexible, xa que os criterios mudaban ao descubrirmos novas tipoloxías ou detalles”, dixo Carina, explicando que equipadas con cámaras, instrumento de medición, escáner 3D e cadernos de campo, “documentamos, medimos, debuxamos e fotografamos”. Tamén recolleron os relatos dos seus donos, que eran tan valiosos como os datos técnicos. E sobre todo, “observamos os espazos, sendo moi revelador o estudo da dinámica do aire. Tiñamos que parar en silencio, sentindo as correntes que fluian a través dos respiradoiros das covas. Sempre era asombroso comprobar como estas construcións ancestrais aproveitan os principios da fisica dun xeito tan eficiente”.

 

 

Cada lugar que visitaban era unha peza máis dun enorme quebracabezas e así foron tecendo un mapa onde cada cova quedaba rexistrada, creando un recurso documental moi valioso. Pero máis aló dos datos, “o máis impactante foi comprobar a conexión emocional que a xente ten coas súas covas”, sendo “moito máis que almacéns de viño, son refuxio nos dias de calor, escenario de celebracións familiares e o corazón das súas tradicións”, dixo asegurando que “cada dato recollido, cada historia rexistrada, é unha semente para futuras investigacións. As covas ainda teñen moitos segredos que revelar e agardo que este traballo sirva de inspiración para seguir a explorar un tesouro subterráneo que define a identidade desta marabillosa comarca”.

 

 

Estruturado en tres partes (Territorio, Arquitectura e Historias) e oito capítulos, con potentes fotografías e ilustracións feitas pola propia Carina, o libro xira en torno a tres importantes preguntas: Cantas hai? Como se facían? e De cando son?, incluíndo unha análise xeolóxia e por supostos as historias que agochan, contando asemade con mapas, gráficos e recreacións.

 

 

Tras un brinde con viño de Valdeorras xunto ás autoras, Merelles sinalaba que esta obra, promovida pola Xunta de Galicia, ten como obxectivo documentar e divulgar os recursos patrimoniais e enogastronómicos que singularizan o territorio galego. “As covas de Valdeorras son moito máis que espazos vinculados á elaboración e conservación do viño, xa que forman parte da historia, da paisaxe e da memoria colectiva da comarca”. Neste sentido, incidiu en que “coñecer e divulgar o patrimonio de Valdeorras permítenos tamén ofrecer novas formas de descubrir Galicia e enriquecer a experiencia turística”.

 

 

Xosé Merelles puxo en valor o traballo realizado polas autoras, Carina Rodríguez e Cristina de la Torre, así como a implicación destes profesionais. Neste sentido, destacou das autoras a súa “dedicación e aposta por manter viva esta tradición” e tamén subliñou o papel fundamental dos coveiros e coveiras ao preservar “unha parte esencial da identidade de Valdeorras”.

 

 

A cultura do viño convértese así nun elemento de conexión entre patrimonio, territorio e identidade, ámbitos que contribúen a diversificar e enriquecer a oferta turística do destino. “Desde Turismo de Galicia cremos que a nosa comunidade ten unha oportunidade extraordinaria para seguir medrando a partir do que nos fai únicos”, afirmou Merelles. “Publicacións como esta axúdannos a descubrir e compartir o noso patrimonio menos coñecido e transformalo nun recurso para coñecer mellor o territorio, sempre desde o respecto pola súa conservación”.

Na presentación desta publicación achegouse ás covas desde varias perspectivas, comezando co análise do seu proceso de documentación ata facer mención das características xeolóxicas e arquitectónicas das covas, da súa historia e das súas tradicións. Ademais, contou coa participación de varios asistentes, encargados de dar voz, coa súa lectura de fragmentos do libro e relatos sobre estes espazos.

 

 

O broche poñía Cristina, encargada tamén de conducir o acto facendo unha reflexión sobre o incendio do ano pasado que obrigou a veciños de Santa Mariña a agocharse nunha cova ata que conseguiron rescatalos, asegurando con todo, foi moi alegre compartir este longo proceso con Carina. “Puxémoslle esforzo, tesón e capacidade de aprendizaxe. Tamén moito humor. Era a única maneira de reaccionar cando, cos mapas e gráficos xa pechados e deseñados, alguén nos chamaba advertindo que naquel sitio onde nos dixeran que non, en realidade si, que había covas. E volta a empezar”. Ata aquí.

 

 

“É o momento de parar. Agardamos que o noso traballo contribúa a conservar este patrimonio e que teña novas vidas, as que a xente queira darlle. Porque ao final deciden as persoas, ainda que un bo relato con datos e corazón sempre axuda. Por certo, ningunha de nós ten cova, o cal resulta ata raro a estas alturas. Pero non importa, porque o único mellor que ter unha cova en Valdeorras é que a teñan os teus amigos e, con este libro, fixemos un feixe”, remataba entre aplausos e felicitacións, antes do convite a un viño e petiscos na entrada co Centro Cultural Avenida.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver

Back to top button