CulturaCulturaMúsicaÚltima horaVídeos

As curtas “Aunque es de noche”, “O estado de alma” e “2720”, ganadoras das seccións oficiais do FIC Vía XIV de Verín

Os traballos "Lemon Tree" e "O estado de Alma" tamén recibían galardóns do xurado novo e premio do público respectivamente

 

O Festival Internacional de Curtas Vía XIV de Verín baixa o pano tras máis dunha semana de intensa actividade centrada no cine e en moito máis. E faino con premios. O Auditorio desta vila acollía na noite deste 7 de setembro a gala de clausura desta mostra, ben aderezada de humor, música e, por suposto, recoñecementos.

 

 

A concelleira de Cultura verinesa, Samanta Barreira, abría a quenda de intervencións destacando a relevancia destra mostra, que suma xa nove edicións. “A cultura, o talento, a diversidade, a comunidade e o futuro. Porque este festival de cine é, primeiro, unha festa cultural, e logo case irremediablemente unha necesidade. Xuntarse para ver películas para ver películas non deixa de ser un motivo para celebrar. E a necesidade nace porque dende que se convocan abertamente aos cineastas ata os eventos, que van máis alá das proxeccións, cada aspecto deste festival contaxia valores sociais e culturais e, como tal, convértese nun espazo para a observación, a reflexión e o debate a través do pensamento crítico. En definitiva, un foro especial e esencial”.

A edil de Cultura tamén apuntaba que, “ademais de experimentar o cine de todo o mundo, desfrutamos de actividades como a música, a nosa propia gastronomía e viño, a fotografía, a cultura e o humor. E todo isto tendo como base sólida e firme o apoio ao talento local. Contribuír a xermolar persoas que crean é unha prioridade para nós, pero que crean nos dous sentidos da palabra: persoas que crean cultura e que crean profundamente que a cultura en todas as súas expresións é o que profundamente nos mellora”. E adiantaba que, “dende o Concello seguiremos apoiando de maneira decidida o cine, a cultura e a promoción dos nosos creadores e creadoras porque o talento está aquí, entre nós”. Finalizaba agradecendo o labor “de todas as persoas que fixestedes desta edición do FIC un éxito rotundo, aos cineastas, ao xurado, especialmente ao xurado novo que se estreaba nesta edición, ao equipo do FIC que un auténtico luxo de profesionais e parabéns ao público que durante máis dunha semana ocupástedes un lugar neste auditorio. O FIC tamén é unha entrada para ver o mundo dende a casa, sigamos celebrando o cine en Verín”.

 

 

Na categoría A Raia, o premio foi para o director suizo-portugués Basil da Cunha polo seu filme ‘2720’; na categoría Horizontes, o premio vaise tamén para Portugal, coa directora Sara Naves e a súa curta ‘O estado de Alma’; e en Nova o gañador é Guillermo García López co filme ‘Aunque es de noche’. O premio do público foi tamén para ‘O estado de Alma’ e o do Xurado Novo para ‘Lemon Tree’, de Raquel Walden.

Dende o xurado oficial (formado por Severiano Casalderrey, Nora Sola e membros do Teatro Experimental Flaviense de Chaves) tamén se outorgaban mencións especiais a algunhas das curtas participantes. Na categoría Nova, a mención é para ‘Nada de todo esto’ de Francisco Cantón e Patricio Martínez; e na categoría A Raia para ‘A rapariga de olhos grandes e o rapaz de pernas compridas’ de María Hespañol e ‘A short film about kids’, do palestino Ibrahim Handal.

 

 

Durante a gala desvelábanse así mesmo os nomes dos gañadores do concurso de pintura. O premio na categoría sénior foi para Pepa Alonso con El silencio de los corderos e na categoría infantil – xuvenil para Mariña García con Blancanieves. O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, que se encargaba de entregar os galardons referíase a que a mostra estaba ampliando as súas actividades abríndose a ámbitos como o da pintura e o da gastronomía, con “actividades paralelas que son as que fan participar á xente”, e felicitaba á organización “grazas polo traballo que estades facendo polo noso pobo”.

 

 

O premio do concurso de pinchos ‘Pincho Cine’ foi para o bar Oasis. Desvelábao no escenario o presidente do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Jonatás Gago, que agradecía á organización do festival, en nome da denominación, o convite a esta gala. “Aproveitamos para darvos os parabéns a toda a organización, fixestédelo moi ben, dá gusto o traballo que se ven, con moita ilusión, moitas horas e entrega, e estades recollendo os froitos”.

Gago resaltaba que “o viño marida con moitas cousas, con moita gastronomía e produtos, pero tamén marida perfectamente coa cultura, por iso o CRDO Monterrei quere seguir apostando pola cultura”. Así mesmo agradecía a participación dos establecementos de hostalaría neste concurso “Pincho Cine”, “elaborando petiscos riquísimos e orixinais, sempre ben acompañados polo viño de Monterrei”.

Lembraba que esta proposta de “Pincho Cine” é “unha das actividades clásicas do FIC, pero este ano como novidade engadimos o feito de que a veciñanza puidese votar ao seu pincho favorito”.

 

 

O FIC Vía XIV bota o peche da súa 9º edición con milleiros de persoas que asistiron a actividades e proxeccións, unha decena de directores e produtores das curtas a concurso e case 30 convidados do mundo das artes. “Botando a vista atrás creo que cumprimos o noso obxectivo con creces”, dicía na gala de clausura o director do festival, Carlos Montero, lembrando a aposta inicial do proxecto de sacar o cinema das cidades e levalo ao rural. “Nestes nove anos de vida o FIC cambiou radicalmente, cos nosos acertos e fracasos, pero sempre aprendendo de todos e cada un dos moitos profesionais que pasaron polo noso certame”.

 

 

Tamén se refería ao equipo de máis de 30 profesionais que hoxe configura o equipo do FIC, “a maioría canteira verinesa”, matizaba Montero. “O cinema transfórmanos como individuos e comunidade e o FIC, dalgunha maneira, e a proxección desta idea na nosa vila. Nove anos reuníndonos ao redor dunha pantalla, coñecéndonos, compartindo ideas, facendo comunidade ao redor do audiovisual”, concluía o director do festival. Unha noite chea de emoción na que tamén se agradeceu ás entidades públicos, patrocinadores privados e a toda a xente que fai posible o festival, dende o equipo ata o público.

Un equipo do festival que, en clave de humor, facía un resumo desta edición do festival e das súas valoracións do mesmo en forma de vídeo, que se proxectaba na parte final da cerimonia de clausura. Ademais no decurso da gala rendíaselle unha emotiva homenaxe a Plácido Romero, un profesor verinés e cineasta, quen realizou uns interesantes e coidados traballos sobre Verín e a súa contorna.

 

 

A gran gala final convertíase nunha festa para Verín e as súas xentes. Ademais da entrega de premios, as persoas asistentes tamén pudieron gozar da música de Mr. Cool e duns peticos no exterior do auditorio nunha noite na que a veciñanza se xuntou con persoas do mundo do audiovisual e as artes.

Fotos: O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button