
O Concello de Ourense e as entidades sociais veñen de asinar hoxe, 26 de decembro, un convenio no que a administración local distribúe un total de 255.000 euros entre sete asociacións. “Isto supón un incremento do 35% nas axudas con respecto ao ano pasado”, asegurou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, tras a sinatura.
Segundo os datos achegados polo consistorio ourensán, o Banco de Alimentos triplica a súa axuda e pasa dos 5.000 euros no pasado ano, aos 15.000 este ano. AFAOR ve incrementada a súa subvención nun 19%, pasando de 21.021 no pasado exercizo a 25.000. A Asociación de Persoas con Discapacidade de Ourense (ADO) recibe 15.000 euros, é dicir, que incrementa no 100% a súa achega xa que o pasado ano non se subscribiu ao convenio.
Cáritas pasa de 100.000 a 125.000 euros neste ano e o Comité Cidadán AntiSida, Proxecto Home e ATOX pasan dos 21.342 aos 25.000 euros cada unha, o que supón un incremento do 17,1% por parte das achegas do Concello.
O rexedor municipal reiterou que este incremento “non foi doado” pero asegurou que “somos conscientes de que son os que máis nos necesitan”. Pola súa banda, a presidenta da AFAOR, Mariló Neira falou en nome de todas as asociacións remarcou a importancia desta sinatura pero reiterou que “chega un pouco tarde xa que estamos a final de ano e os gastos que se tiveron, houbo que facerlles fronte doutro xeito”. A presidenta remarcou que “ogallá sega ese costume do incremento e o vindeiro ano haxa outro incremento”.