ConcellosO BoloÚltima hora

As entradas para a XVI Festa da Vitela do Bolo poranse á venda este sábado, 21 de marzo

Esta edición, que se celebrará o 4 de abril, exaltará as figuras do entroido bolés e homenaxeará aos voluntarios na extinción de incendios e á cantareira de Lentellais, Jacinta Fernández

Asistentes ao xantar da Vitela o ano pasado./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Un ano máis o concello valdeorrés do Bolo vai seguir recuperando tradicións e elementos identificativos da súa rica cultura etnográfica dentro da programación de Semana Santa. “Neste concello de montaña xa é tradición rematar a semana de Paixón coa tradicional festa e feira da Vitela que será este ano o sábado, 4 de abril, actividades baseadas na exaltación dos produtos tradicionais deste concello”, explican dende o Servizo de Turismo, engadindo que o domingo, día 5, farán a III Estoupa do Xudas.

Estas dúas celebracións únense ás visitas guiadas ao Santuario das Ermidas, ao único castelo medieval musealizado da comarca valdeorresa e ao museo de pintura Yosso que están abertos todo o ano de venres a domingo.

Aínda que o Entroido xa foi en febreiro, as figuras tradicionais das parroquias deste concello van seguir dándose a coñecer durante a celebración da XVI Festa da Vitela no pavillón polideportivo do Bolo. Así, as figuras do Touro e o Xigante de Celavente e a Mázcara de Buxán estarán no recinto da feira para que todos os visitantes poidan velas e coñecer a súa historia. “Estas figuras están sendo recuperadas polos veciños destas parroquias e o concello quere impulsar o seu coñecemento con este acto e outros que están preparando”, avanzan.

Ademais dentro dos actos que está preparando o concello tamén se está ultimando unha homenaxe aos voluntarios na extinción dos incendios de agosto e setembro. “Tamén haberá unha nova lembranza a unha persoa senlleira do concello, neste caso á cantareira de Lentellais, Jacinta Fernández”, destacan, lembrando que o ano pasado foi ao médico das Ermidas, Sebastián Ricoy.

 

Postos na feira de produtos o ano pasado./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Nesta nova edición da Festa da Vitela, haberá tamén feira de produtos tradicionais. Serán máis de 15 postos instalados nunha carpa diante do pavillón con obxectos de artesanía, doces, viño, aceite e mel. Estarán abertos dende as 11 ata as 20 horas. O xantar da Festa da Vitela empezará ás dúas da tarde e nela degustarase a tradicional vitela (carne de tenreira) con patacas e chourizo e acompañada de sopa e sobremesa. A continuación haberá música na carpa da feira.

No día da Festa tamén se abrirá ao público o Museo Yosso de 12 a 14 horas cun prezo especial de 1 euro/persoa.

As entradas estarán á venda a partir de mañá, día 21 de marzo nos puntos habituais:
– O Bolo: Restaurante Volobriga
– A Veiga: Bar Laila
– Viana do Bolo: Bar Emigrante
– A Rúa: Bar O 4
– O Barco: Bar Makoki

 

Back to top button