ConcellosEn portadaGalerías de fotosO BoloÚltima horaVídeos

As Ermitas (O Bolo) recupera a antiga tradición da Estoupa do Xudas no Domingo de Pascua

 

Logo de case tres décadas sen celebrarse, As Ermitas vén de recuperar, a iniciativa do Concello do Bolo, neste Domingo de Pascua a tradición da Estoupa do Xudas, que acostumaba celebrarse na mañá desta data pero no adro do santuario. Desta volta, este ritual tiña como escenario área recreativa á beira do Bibei cunha multitudinaria asistencia.

 

 

O acto era introducido por Jorge Isla, quen incidía en que esta celebración é “un dos símbolos culturais e tradicionais do Bolo” e tamén se refería á familia Porto, de Valbuxán, que dende antigo se ocupaba de preparar e organizar todo o relativo á estoupa, cunha referencia especial aos irmáns Ángel, xa falecido, e Francisco “Quico”, presente no acto.

 

 

Ademais lembrábase como era o proceso de preparación e os contidos que esta figura de Xudas, de tamaño natural, coa bolsa de moedas na man e vestida de prendas de cores rechamantes como o rosa, levaba para facela estoupar ante a mirada da xente. Así sucedía novamente neste Domingo de Pascua nun acto, do que se ocupaba Pirotecnia Josman, que remataba entre aplausos.

 

 

Velando pola seguridade durante a estoupa estaba un operativo do que formaban parte os voluntarios das agrupacións de Protección Civil do Bolo, Petín, Larouco e o GES da Veiga.

 

 

Fotos e vídeos: O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button