
A Subdirección de Enfermaría de Atención Primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras vén de recibir un importante recoñecemento estatal ao resultar galardoada nos XIX Premios NAOS 2025 na categoría de “Promoción dunha alimentación saudable no ámbito familiar e comunitario”, polo seu proxecto pioneiro das Escolas de Saúde da Atención Primaria.
Este premio, concedido no marco da Estratexia NAOS da Axencia Española de Seguridade Alimentaria do Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030, e publicado no BOE (Boletín Oficial do Estado) o pasado luns 16 de marzo, pon en valor o compromiso dos profesionais da Atención Primaria coa promoción da saúde e a prevención da enfermidade, recoñecendo especialmente o impacto das intervencións comunitarias desenvolvidas na área sanitaria.
As Escolas de Saúde constitúen un modelo innovador baseado na educación para a saúde, a participación activa da cidadanía e o traballo en rede con axentes comunitarios. O proxecto está liderado polas enfermeiras referentes en saúde comunitaria e desenvolvido por equipos multidisciplinares de Atención Primaria, que achegan coñecementos e ferramentas prácticas á poboación para fomentar hábitos de vida saudables.
Durante o seu primeiro ano de implantación, en 2024, ata o de agora puxéronse en marcha máis de 800 obradoiros nos que participaron mais de 9.200 persoas cunha implicación directa de 128 profesionais sanitarios (enfermeiras, nutricionistas, médicos, fisioterapeutas, hixienistas, odontólogos, pediatras, enfermeiras especialistas (familiar e comunitaria, pediatría, saúde mental, matrona), traballadoras sociais, psx… Estes datos evidencian a consolidación dun modelo eficaz, participativo e sostible, con altos niveis de satisfacción entre a poboación participante.
Dentro dos 71 diferentes programas desenvolvidos nas escolas de saúde cabe destacar os obradoiros de alimentación saudable, da escola de persoas coidadoras, de envellecemento activo e prevención da fraxilidade, de primeiros auxilios e outros relacionados con patoloxías crónicas (hipertensión, diabetes, EPOC, obesidade…). Tamén programáronse obradoiros específicos de utilización de novas tecnoloxías como é o aplicativo sergas mobil, documento de instrucións previas, coñece o teu centro de saúde, prevención de disfuncións de solo pelviano, coidados da pel, educación sexual ou de hixiene bucodental.
A subdirectora de Enfermaría de Atención Primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Verónica Civeira Pérez, destacou o valor deste recoñecemento como impulso ao traballo comunitario: “Este premio é, sobre todo, un recoñecemento ao esforzo diario dos equipos de Atención Primaria e á súa capacidade para construír saúde desde a proximidade e o compromiso coa comunidade”.
Así mesmo, subliñou o papel clave das Escolas de Saúde na transformación do modelo asistencial: “As Escolas de Saúde representan unha maneira diferente de entender a atención sanitaria, máis participativa, máis próxima e centrada nas persoas, onde a educación para a saúde e o empoderamento da cidadanía son fundamentais”.
O proxecto destaca tamén pola súa capacidade para adaptarse ás necesidades reais da poboación, mediante metodoloxías participativas e dinámicas que favorecen a implicación activa da cidadanía, así como pola colaboración estreita con concellos, asociacións veciñais e outros recursos comunitarios, xerando redes de apoio e fortalecendo o tecido social. Esta metodoloxía favorece o empoderamento da cidadanía e a adopción de hábitos saudables de maneira sostible.
Ademais, os resultados obtidos reflicten unha alta satisfacción entre as persoas participantes, con valoracións superiores ao 4,6 sobre 5 en todos os indicadores analizados, o que evidencia a utilidade e impacto real das actividades desenvolvidas.
Desde a Área Sanitaria quérese trasladar un agradecemento expreso a todas e todos os profesionais que fan posible esta iniciativa, así como ás entidades colaboradoras e á cidadanía participante, que contribúen a facer das Escolas de Saúde un proxecto vivo e en constante crecemento.
“Seguiremos traballando con e para a comunidade, acompañando, escoitando e avanzando xuntas e xuntos cara a unha sociedade máis saudable. Este premio anímanos a continuar e a seguir innovando na promoción da saúde”, engadiu Civeira Pérez.
A Área Sanitaria reafirma así o seu compromiso coa promoción da saúde comunitaria e co desenvolvemento de iniciativas que contribúan a mellorar a calidade de vida da poboación, consolidando un modelo de Atención Primaria máis próximo, accesible e orientado á prevención.
O premio será entregado nun acto solemne que se celebrará no vindeiro mes de novembro na sede da Agencia de Seguridad Alimentaria y Nutrición (AESAN) en Madrid.