ConcellosO BarcoÚltima horaVídeos

As Festas do Cristo do Barco pecharanse este ano coa tirada de fogos artificiais sobre o Sil

Celebraranse do 11 ao 14 de setembro e contarán co concerto de Xoel López e orquestras como El Combo Dominicano

 

Para vivilas e presumir delas porque “podemos ter o mellor programa do mundo que se a xente non participa e non o vive, non pode ser un éxito”. Así son, segundo a concelleira do Barco de Valdeorras, Margarida Pizcueta, as Festas do Cristo que este ano se estenderán do 11 ao 14 de setembro e cuxa programación avanzaba na mañá deste mércores 15 de xullo xunto ao alcalde e concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso.

 

 

Son unhas festas que, máis alá dun referente na comarca, “estanse convertendo nun referente a nivel galego, con moita xente atraída por un programa que combina música, con grupos de primeiro nivel pero tamén outros menos coñecidos aos que lles serve como pasarela ou trampolín; tradición coas Calantornias; deporte, un ingrediente moi importe; cultura; e actividades familiares como a Festa das Pandillas, algo que non se fai en moitos sitios e nós levámolo no programa xa dende hai tempo e cada vez ten máis éxito”, dixo Pizcueta.

 

 

 

Un programa que tamén ten propostas participativas para todo o mundo co que tratan de manter “esa esencia dunha celebración que cada ano congrega a moita xente”, especialmente arredor do apartado musical no que este ano como artista de referencia estará Xoel López, que vén de estrear disco, que leva un “bocado moi grande do presuposto que este ano está cerca dos 200.000 euros (incluídos os 25.000 do apartado deportivo)”; ademais de orquestras de primeiro nivel como El Combo Dominicano, Panorama City, Capitol e América de Vigo; grupos como La Última Legión e outros que forman parte de AMAVA “aos que cada vez lles queremos dar máis importancia nas Festas do Cristo”, di a concelleira. Nesta ocasión serán The Black Wings como teloneiros de Xoel López e El Patio de Leni, ese mesmo día, sábado 12 de setembro, para amenizar a Festa das Pandillas.

 

 

No apartado deportivo, moi importante no programa e presentado polo propio alcalde, destacan o 58º Descenso do Sil e a 38º Milla Urbana “dous eventos deportivos moi consolidados, que teñen un atractivo especial para toda a xente que vén a participar de toda España”, dixo Tino, engadindo o 6º Descenso Popular “que tanto éxito está tendo, onde a xente disfruta do río sen o compoñente competitivo”, o tradicional Madrugón e torneos organizados polos diferentes clubs (de pádel, tenis, fútbol sala, petanca,…)

 

 

Con respecto ao cartel que anunciará as festas por todo o algo, este ano será obra da artista barquense residente en Estados Unidos, Marisú Miranda, que tamén exporá parte da súa obra. Un cartel “preciosos que recolle todos os elementos vivos da festa”, di a concelleira de Cultura, sen esquecer outras actividades que completarán o programa como a Feira de Produtos Tradicionais, xa un clásico; un dos espectáculos de rúa máis potentes que hai agora mesmo en Galicia que se chama Mezo de Pistacatro, “unha parabilla de pasarrúas para o venres día 11 como pistoletazo de saída das festas”. Por suposto non faltarán as alboradas con grupos tradicionais e charangas, o programa relixioso, as actividades infantí, así como o espectáculo pirotécnico “que este ano, creo que por primeira vez, pechará as festas o luns 14 de setembro ás 23 horas”.

 

 

Con todo, as festas rematarán o venres 18 de setembro coa actuación de Luis Piedrahita, “outro espectáculo de moito nivel”, remataba Margarida.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver.

Back to top button