SanidadeÚltima horaVídeos

As futuras enfermeiras fórmanse para atender mellor ás persoas con discapacidade visual

Organizado pola Unidade de Formación e o Servizo de Atención ao Paciente e Humanización en colaboración coa ONCE, un curso permitiu aos estudantes da Escola U. de Enfermería poñerse na pel das persoas con discapacidade visual

 

Unha actividade organizada pola Unidade de Formación e o Servizo de Atención ao Paciente e Humanización en colaboración coa ONCE permitiu ao alumnado de 3º curso da Escola Universitaria de Enfermería poñerse por un momento no lugar das persoas con discapacidade visual, para comprender mellor as súas necesidades e tamén aprender a axudalas no seu contacto cos servizos sanitarios.

O curso, eminentemente práctico, ten por obxectivo proporcionar ás enfermeiras en formación as ferramentas e coñecementos precisos para mellorar a comunicación, a accesibilidade e o trato con pacientes con cegueira total ou baixa visión. Aprendendo as técnicas para axudalos cando precisen guía para desprazase polos espazos asistenciais e, o que é mais importante, coñecer de primeira man as repercusións funcionais da discapacidade visual para ofrecerlles unha mellor atención.

Así, repasáronse as diferentes tipos de discapacidade visual e os seus efectos, co fin de coñecer as particularidades, en función do grao ou modo de visión, na procura de achegar ás alumnas a estas realidades. Para elo, realizáronse exercicios de descrición de obxectos a través do tacto e simulación de diferentes tipos de discapacidade visual. Coñecendo ademais que elementos ter en conta para facilitar unha descrición da contorna útiles para unha persoa con discapacidade visual.

 

 

Na pel das persoas con discapacidade visual

Para garantir unha correcta aprendizaxe das técnicas, realizáronse prácticas de guía ante desniveis ou atrancos. Para elo as estudantes dividíronse por parellas, unha co papel de guía e outra co de persoa con discapacidade visual, cun antiface para vivir en primeira persoa a falta de vista, experimentando así os retos que supoñen os desprazamentos, os desniveis ou as escaleiras.

Os talleres foron impartidos pola técnico de rehabilitación visual da ONCE, na Delegación de Vigo, Julia Fernández-Nieto, e contaron coa participación de Sandra González, que aportou a súa inestimable experiencia como persoa con discapacidade visual.

Back to top button