A música trivesa soará na tarde do sábado 18 de agosto en Verín. As Macizas Centrais serán un dos catro grupos participantes nos “II Cantos de Taberna Nova Era”, que comezarán ás 20h. dende a praza García Barbón. Xunto a elas tamén estarán a Agrupación Candaira, Brixel e a Banda de Gaitas Nova Era.
A festa comezará a partir das 20.00 na Praza García Barbón e arredores onde estes grupos de música tradicional galega irán rotando coas súas actuacións polos locais colaboradores: A Brasa, Ágora, A Merced, A Palleira, Bar Liló, Bar Plaza, Casa Nela, Gandainas, O Lure, O Souto das Candeas e a Taberna Gallofa.
Este cantos de taberna forman parte das II Xornadas Culturais Nova Era que organizará os vindeiros días 17 e 18 de agosto a Asociación Cultural de Música Tradicional de Monterrei, en colaboración co Concello de Verín.
“Tras o éxito da súa primeira edición retómase esta iniciativa que pretende achegar a música tradicional galega a todos os públicos e dinamizar a vida social da vila durante o verán”, aseguran dende a organización.
Ademais para o venres, 17 de agosto, están programadas unha serie de actividades destinadas tanto aos máis pequenos como aos máis maiores. Pola mañá, a partir das 11.00 horas, no CEIP Amaro Refojo, os integrantes da Banda de Gaitas Nova Era organizarán o evento “Xogando coa Música”, un conxunto de actividades infantís para as nenas e os nenos da Ludoteca do Concello.
Pola tarde, a Banda de Gaitas Nova Era ofrecerá dous concertos para os máis maiores. O primeiro terá lugar na Residencia da Terceira Idade Santa María, ás 17.00 horas. A continuación, ás 19.00 horas, ofrecerán outro concerto no Centro Sociocomunitario de Verín.