DeportesÚltima hora

As medidas a desenvolver para a xestión do xabaril, analizadas nunha reunión entre a Federación Galega de Caza e Medio Ambiente

Durante o encontro, ao que tamén asistiron os presidentes provinciais da Federación, entre eles Vicente Lameiro, coincidiron na necesidade de levar a cabo accións para a control desta especie logo de que un estudio elaborado pola Xunta estimase en máis de 82.000 exemplares a poboación de xabarís na Comunidade

 

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, analizaba hoxe co presidente da Federación Galega de Caza, Luis Eusebio Fidalgo, as medidas a desenvolver para a xestión do xabaril. Durante o encontro, ao que tamén asistiron a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e os presidentes provinciais da Federación (entre eles o de Ourense, Vicente Lameiro), coincidiron na necesidade de levar a cabo accións para a control desta especie logo de que un estudio elaborado pola Xunta estimase en máis de 82.000 exemplares a poboación de xabarís na Comunidade.

Nese senso, a conselleira insistiu na importancia de artellar medidas de control co fin de incrementar e facilitar os mecanismos necesarios para regular as poboacións desta especie e reducir o posible impacto negativo que poida ocasionar sobre o medio ambiente e a agricultura, así como os efectos non desexados que poida ter sobre a sanidade animal, a saúde pública e a seguridade viaria.

Así, a conselleira lembroulles aos representantes da Federación Galega de Caza que ata o próximo 30 de xuño se axilizarán as autorizacións das medidas para o control e prevención de danos. No caso de días hábiles a solicitude deberá realizarse cunha antelación de 24 horas respecto á data na que se quere realizar a medida de control e de 48 horas se coincide cunha xornada inhábil

Entre as medidas de reforzo autorizables nos próximos catro meses -un dos períodos no que se concentran os danos nos cultivos-, inclúense accións paliativas tras danos e preventivas, sempre que se axusten ao marco normativo vixente. En concreto, poderán autorizarse de inmediato batidas (con armas ou na modalidade disuasoria), esperas, desencame de xabarís con cans atrelados e outras accións excepcionais en determinado tipo de terreos como a instalación de gaiolas trampa. No caso concreto destas gaiolas, a conselleira puxo en valor o seu bo resultado en áreas urbanas e periurbanas.

Back to top button