EconomíaEconomíaÚltima hora

As Médulas de Caldesiños (Viana), entre os 8 novos puntos de interese de patrimonio mineiro en Galicia

A Cámara Oficial Mineira de Galicia incluía tamén neses puntos ás minas de estaño e volframio de Beariz; Lagoas de Mina Mercedes e Porto Piñeiro (Valga); dous nas Areeiras da Limia; a Olería de Buño e o Manancial de Cabreiroá (Verín)

Médulas de Caldesiños ou Borreas (Viana do Bolo)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), dende a súa plataforma de Minaría Sostible, está poñendo en valor lugares de interese de patrimonio mineiro e xeolóxico, promovendo tótems (monólitos de ferro) informativos en 8 novas localizacións. Os puntos informativos instalados no último ano 2025 son os de As Médulas ou Borreas de Caldesiños, en colaboración co Concello de Viana do Bolo; as minas de estaño e volframio co de Beariz; Lagoas de Mina Mercedes e Porto Piñeiro co concello de Valga; e dous nas Areeiras da Limia en colaboración co concello de Sandiás e Xinzo de Limia. Tamén conta cun monólito informativo a Olería de Buño, instalado gracias a colaboración do concello de Malpica de Bergantiños e a Deputación da Coruña, e o Manancial de Cabreiroá, contando co colaboración das Augas do mesmo nome e a Corporación Hijos de Rivera.

Estes puntos informativos, que se suman ás iniciativas de salientar o Patrimonio Mineiro promovidas pola COMG dende 2019, súmanse aos 15 instalados en 2024, sendo un total de 23 ao longo do territorio galego. Neste 2026 a Cámara Oficial Mineira de Galicia seguirá incluíndo puntos de interese patrimonial mineiro e xeolóxico ofrecendo, aos veciños e visitantes destas zonas, un amplo abanico de posibilidades para coñecer e comprender a historia dos diferentes municipios, tal e como se informa dende esta entidade.

“As localizacións escolléronse priorizando historia do sector mineiro e afluencia turística”, explican desde a COMG. “Para iso colaboramos con Concellos ou entidades priorizando rutas xa creadas pola Cámara Mineira no Programa MINATUR e tratando de dar unha representatividade xeográfica de distintas épocas da minería e sectores”, continúan.

Os tótems son de ferro, de 80 cm de altura, cun cartel impreso deseñado para esta acción que contén o título e unha breve descrición do lugar, e un QR que permite o acceso, por medio dun dispositivo móbil, á páxina web da plataforma de Patrimonio Mineiro de Galicia. “Cada QR enlaza ao punto de interese ou roteiro da web de Patrimonio Mineiro onde se pode consultar e ampliar a información da historia mineira do lugar”, destacan, así como “se pode visualizar a ruta de patrimonio mineiro no caso de que estea incluído nunha”.

Ademais, a COMG produciu para cada un dos 23 puntos en total, vídeos de duración entre 1 e 2 minutos na que de maneira didáctica, divulgativa e moi visual, acompañan a explicación da historia e patrimonio mineiro da zona. A estes vídeos accédese a través dos enlaces á web de patrimonio mineiro de Galicia que xestiona a propia Cámara, ou no seu canal de youtube.

 

Manantial de Cabreiroá en Verín./ Cedida.

 

Outras iniciativas divulgativas

Na liña de promover a divulgación e coñecemento do sector mineiro en Galicia, a COMG ampliou o seu apartado na web Minaría sostible con dous novos apartados nos que se conta a historia da minería do ferro e do estaño e volframio en Galicia, indicando a súa evolución a través de textos divulgativos, imaxes, fotos antigas e táboas didácticas, incluíndo as principais extraccións históricas e puntos de interese.

Tamén, a través do mesmo apartado web, se pode acceder ás rutas e puntos de interese xa creados na web a través dunha lista ou mapa interactivo.

Esta información web, súmase tamén as rutas guiadas postas en marcha no 2023 como a da Mina de Silvarosa en Viveiro, Borreas en Viana do Bolo, Pico Sacro entre Boqueixón e Vedra, visita en barco aos cargaderos de mineral de Rande na ría de Vigo, e a última, celebrada no 2025, en Ponteareas dende o túnel de Confurco, ata o balneario de Mondariz.

Para todas estas accións a COMG conta co apoio da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.

Back to top button