ConcellosTrivesÚltima hora

As Meninas do proxecto “Hilando Sueños” incorporaranse ao Museo da Escola de Trives

Este era un dos puntos aprobados na sesión plenaria que a Corporación trivesa celebraba o 4 de xuño

Cedidas.

 

Entre os asuntos abordados na sesión plenaria que celebraba o 4 de xuño a Corporación municipal trivesa estaba a aceptación da doazón dunhas creacións do proxecto “Hilando Sueños”, impulsado pola docente e especialista téxtil Chelo Diéguez Núñez, natural de Castrelo de Piñeiro, na Pobra de Trives.

“As pezas, que pasarán a formar parte dos fondos do Museo da Escola e da Infancia Santa Leonor, son unha obra realizada no marco do proxecto “Hilando Sueños”, que naceu coa finalidade de utilizar a costura como ferramenta de formación, inclusión e desenvolvemento persoal. A través da creación destas Meninas, as participantes puideron traballar todas as fases do proceso de confección dunha peza téxtil: desde o deseño e patronaxe ata o corte, ensamblaxe, probas e acabados finais”, tal e como informa o Concello de Trives.

A obra destaca pola súa concepción artística, xa que presenta un deseño asimétrico no que cada metade do vestido foi desenvolvida por un grupo diferente de alumnas antes de ser fusionadas nunha única peza. Inspirada na estética barroca das Meninas de Velázquez, incorpora elementos característicos da vestimenta do século XVII adaptados a unha interpretación contemporánea e creativa.

Segundo explicou a autora da doazón, o obxectivo é dar visibilidade ao esforzo e á capacidade de superación de persoas que chegaron aos cursos sen coñecementos previos de costura e que, grazas á formación recibida, desenvolveron novas habilidades profesionais, conseguindo nalgúns casos a súa inserción laboral no sector téxtil.

Coa incorporación destas pezas, o Museo da Escola e da Infancia Santa Leonor amplía os seus fondos cunha obra que combina valor artístico, pedagóxico e social, ao tempo que reforza a vinculación de Trives coa traxectoria profesional dunha veciña da localidade que desenvolveu a súa carreira no ámbito da formación e o deseño téxtil.

Na sesión plenaria aprobábanse todos os puntos incluídos na orden do día, “a maioría sen votos en contra, debido a abstención dos 3 concelleiros do PP que asistiron ao pleno, incluido o de nova incorporación, ao rexistrarse dúas ausencias. Por parte do outro grupo da Corporación, o socialista, asistiron os seis edís”, segundo informa o grupo de goberno trivés.

Entre os asuntos aprobados figura o acordo marco para a subministración de electricidade e aforro enerxético subscrito entre ADERCOU e a UTE SIMPLES & SAPIENS, así como o nomeamento de Cristina Paz Elías como representante da Mancomunidade das Terras do Navea-Bibei.

Ademais neste plano facíase efectiva a incorporación de Francisco Javier Rodríguez Gómez como novo concelleiro do grupo socialista e membro do equipo de goberno, encabezado pola alcaldesa, Patricia Domínguez. Nas próximas semanas farase a incorporación dun segundo novo concelleiro trala renuncia, formalizada tamén na sesión de onte, de Miguel Sierra.

Así mesmo, o pleno tamén deu entrada no mesmo  a Simón Rodríguez Domínguez, novo concelleiro do PP en substitución de Roberto González Castro.

 

Back to top button