Tralos excesos do Nadal e do Botelo na noite do venres 23 de xaneiro AMAVA inauguraba o ano cunha nova Jam Session no Esconditte Inglés da Rúa “para tratar de poñerse en forma, como sempre con sorpresas e novidades”, aseguran dende a Asociación de Música Alternativa de Valdeorras.
Nesta ocasión os asistentes puideron gozar de novas voces, “sorprendentes, que seguro que terán un gran futuro por diante como Lua filla de Fran Mapa de Mrs. Fine que con só 12 anos mostrouse segura e profesional no escenario interpretando de maneira maxistral Diamond e Complicated que como indica o seu nome de doado non tiña nada”, explican dende AMAVA. Tamén chamaba a Atención Bruna Dantas filla do Baixista do Patio de Leni acompañada por Dani de Green Angels á guitarra acústica, Yoana á eléctrica e Camino ao baixo. “Absoluta sensibilidade, para nada se notaba que fose a primeira vez nun escenario”, din.

Seguindo coa mocidade da asociación, Kzangels con Tati á voz solista encheron de enerxía o local, rematando a noite Seika con toda a súa artillería musical. “E que dicir de María de Larouco, impresionante acompañada de Mrs. Fine e reforzados con Óscar á guitarra”, destacan orgullosos, engadindo que El Patio de Leni estivo acompañado por Toño á batería, “sempre preciso como un metrónomo”. De novo veteranía e mocidade nunha combinación moi especial e dificilmente explicable se non se goza no momento.
Como sempre, dende AMAVA agradecen novamente a “inestimable colaboración de Santi e Vero, xerentes do Esconditte Inglés, sempre apostando pola música en directo, pola súa paciencia porque a noite alongouse debido á numerosa participación”, recoñecen, asegurando que “a música viva en directo é difícil de describir se non se goza no instante e a do venres foi unha noite máxica, única e inigualable de Rock and Roll”.
Así, quedaba inaugurado musicalmente este 2026, con máis sorpresas e propostas por parte de AMAVA para todos os amantes da música en Valdeorras.

Fotos e vídeos cedidos.