ConcellosO BarcoÚltima hora

As obras de reforma da praza Maior do Barco teñen un prazo de execución de 7 meses

 

Dende a pasada semana está en marcha unha actuación de reforma da Praza Maior da Praza Maior do Barco, o que implica o corte de tráfico nese punto e tamén o tránsito peonil directo entre as rúas doutor Pérez Lista e Real,o que supón que os peóns teñan que pasar ou ben polo Camiño Real ou ben pola praza Maior e bordear baixando pola rúa Escura para ir á rúa Real. A firma que marcou o inicio das obras tramitouse o pasado 28 de setembro, abrindo o prazo de sete meses de execución, cun orzamento de 463.105 euros.

“Os traballos de remodelación iniciáronse na parte máis complexa, a da fonte histórica, onde estase a proceder coa demolición da entreplanta da antiga pastelería para levar a cabo unha actuación que cambiará totalmente a configuración do espazo tanto en acabados como en iluminación. Na Rúa Real, xa se procedeu a efectuar un peche central coa intención de clausurar definitivamente os contedores soterrados e restrinxir o tráfico rodado nalgunhas fases da obra. Non obstante, estase a manter un paso peonil continuo, para o acceso da veciñanza a todos os portais e locais afectados, e para que os peregrinos poidan seguir o itinerario do Camiño de Inverno cara o Malecón”, segundo o Concello do Barco.

 

 

Tamén indica o Concello que “os traballos contemplan a execución das redes de saneamento en torno ao transformador eléctrico, polo que as terrazas dos locais deberán ser trasladas ao centro da propia praza onde haberá espazo público dispoñible durante toda a obra. Na escalinata levarase a cabo unha remodelación integral, como tamén ocorrerá no inicio da rúa Pérez Lista, onde se igualarán as rasantes para crear un espazo peonil fluído. Finalmente, actuarase no Porto da Barca, creando un espazo de parada cun banco singular”.

Esta obra, conclúe o Concello do Barco, “é a 1ª Fase dun proxecto global baseado nun conciso estudo histórico e fotográfico, e responde aos criterios establecidos polo PEPRI aprobado no ano 2010, acordado e autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil”.

Fotos: O SIL.

 

Back to top button