
O vindeiro sábado 27 de xuño abrirán as súas portas as piscinas municipais de Viana do Bolo, así como as pistas de pádel e tenis e o servizo de bar. “Abrimos a tempada de verán cunha xornada chea de diversión, actividades para todas as idades e algunha que outra sorpresa que non vos podedes perder”, segundo adianta o Concello de Viana do Bolo. “Será o inicio dun verán para desfrutar do deporte, do lecer e dos mellores momentos ao aire libre nas nosas instalacións”.
Así mesmo, dende o o Concello de Viana informan de que “debido ás condicións meteorolóxicas das últimas semanas, existen algunhas zonas da pradeira nas que o novo céspede sementado aínda non acadou as condicións óptimas. Por este motivo, estas áreas permanecerán temporalmente acoutadas para favorecer o seu crecemento e garantir que, en pouco tempo, poidamos desfrutar dunha pradeira completamente renovada e en perfectas condicións. Agradecemos a vosa comprensión e colaboración para coidar entre todos/as deste espazo tan especial”.

